Galicia acada por segundo mes consecutivo o máximo histórico de afiliacións con 1.135.950 cotizantes e o mínimo de paro nun mes de xullo con 107.322 persoas

A directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, Zeltia Lado, valorou hoxe os últimos datos de desemprego e afiliacións á Seguridade Social destacando que a nosa Comunidade ten preto de 22.500 afiliacións máis que hai un ano 

Esta suba en cotizantes tamén se dá en relación a hai un mes, con case 13.000 máis que en xuño deste ano, sendo a 3ª CCAA na que máis aumentan neste período

En canto ao desemprego, cae na comparativa anual nun 0,5 % e faino en todos os sectores, liderando a baixada a construción seguida do sector primario, da industria e dos servizos

En relación aos colectivos prioritarios, tanto no caso das mulleres como no dos parados de longa duración acádase a cifra máis baixa de paro para un mes de xullo de toda a serie histórica (maio 2005)

Santiago de Compostela, 4 de agosto de 2026

A directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, Zeltia Lado, valorou esta mañá os últimos datos de paro rexistrado e afiliacións á Seguridade Social, destacando que Galicia alcanza por segundo mes consecutivo o máximo histórico de afiliacións, con 1.135.950 cotizantes. Ao mesmo tempo, a Comunidade rexistra o menor número de persoas desempregadas nun mes de xullo de toda a serie, con 107.322 persoas paradas.

No referido ás afiliacións, estas medran tanto na comparativa anual como na mensual. Galicia conta con preto de 22.500 afiliacións máis que hai un ano (+2,02 %) e con case 13.000 cotizantes máis que en xuño (+1,15 %). Este incremento intermensual sitúa a Comunidade como a 3ª comunidade autónoma na que máis aumentan as afiliacións, tanto en termos relativos como absolutos.

Polo que respecta ao paro rexistrado, descende un 0,5 % con respecto a xullo de 2025, o que supón 536 persoas desempregadas menos e encadea a 64ª baixada interanual consecutiva do desemprego. 

A redución do paro anual esténdese a todos os sectores de actividade, liderada pola construción (-7,17 %) seguida do sector primario (-6,45 %), da industria (-2,60 %) e dos servizos (-1,70 %). En relación cos colectivos prioritarios, tanto as mulleres como as persoas paradas de longa duración acadan o menor nivel de desemprego para un mes de xullo de toda a serie histórica (desde maio de 2005). No caso das mulleres, o paro redúcese en case 600 persoas (-0,93 %) con respecto ao ano anterior; entre as persoas paradas de longa duración, a baixada é de arredor de 400 persoas (-0,74 %).

Segundo salientou Zeltia Lado, estes datos, analizados desde unha perspectiva de medio e longo prazo, confirman a fortaleza do mercado laboral galego e evidencian o impacto das políticas activas de emprego impulsadas pola Xunta. Por iso, remarcou a importancia de seguir consolidando estas medidas para favorecer un emprego de calidade e dar resposta ás necesidades de cobertura das vacantes das empresas.

Data de actualización: 04/08/2026