Medio Rural inviste máis de 70.000 euros para fomentar a xestión forestal sustentable no Concello de Cuntis

A directora xeral de Planificación e Ordenación Forestal, visitou hoxe este municipio, no que se levaron a cabo actuacións ao abeiro das achegas para fomentar a silvicultura produtiva de coníferas e a mellora ambiental de frondosas e soutos

Os traballos realizáronse en 30 hectáreas nos terreos das Comunidades de Montes Veciñais en Man Común de Magán, Portela, Cerquil, Sevil, Toxeiras e Laxos-Cadecide

Cuntis (Pontevedra), 4 de agosto de 2026

A directora xeral de Planificación e Ordenación Forestal, Luisa Piñeiro, visitou hoxe o concello pontevedrés de Cuntis, onde se están a investir máis de 70.000 euros para fomentar a xestión forestal sustentable nesta localidade. Tal e como explicou a directora xeral, este orzamento permitiu actuar nunha superficie de preto de 30 hectáreas nos terreos das Comunidades de Montes Veciñais en Man Común de Magán, Portela, Cerquil, Sevil, Toxeiras e Laxos-Cadecide.

Estas actuacións enmárcanse nas achegas convocadas pola Consellería do Medio Rural para fomentar a silvicultura produtiva de coníferas e a mellora ambiental de frondosas e soutos. De xeito concreto, Luisa Piñeiro comprobou os labores levados a cabo no monte veciñal en man común de Toxeiras, onde se actuou nunha superficie de preto de 30 hectáreas nunha masa de frondosas caducifolia composta principalmente de carballos de máis de 20 anos. Os traballos realizados neste espazo foron roza, formación de guías, selección de abrochos, limpeza do terreo, trituración e picado dos restos.

O obxectivo destas actuacións é fomentar a xestión forestal sustentable, incrementando a multifuncionalidade dos montes, a súa protección e a súa restauración. Deste xeito, búscase lograr o bo estado do hábitat e das súas especies, co fin de mellorar os servizos ecolóxicos e a biodiversidade, creando resiliencia ante os efectos do cambio climático nos montes e sistemas agroforestais. Con todo isto, apóianse as actuacións de silvicultura para a conservación dos montes e para a mellorar a súa adaptación ao cambio climático, en liña cun dos obxectivos do Plan estratéxico da Política Agraria Común.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 04/08/2026