O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración visitou hoxe en Vigo este centro educativo no que tamén se imparten accións formativas para persoas desempregadas
A Xunta salienta o potencial do CIFP de Coia a prol da formación flexible e á carta do mercado laboral en sectores estratéxicos como a automoción
José González destaca o modelo de formación para o emprego que promove a Xunta, que aposta por facela áxil, flexible e conectada coas necesidades do tecido produtivo co fin de responder ao reto da cobertura de vacantes
Subliña o esforzo inversor nas ordes de axudas de formación para o emprego, entre elas a destinada a AFD, que con prazo aberto de solicitudes xa concedeu achegas a máis dun milleiro de accións formativas destinadas a preto de 17.000 persoas
Indica que para seguir potenciando o modelo de formación que promove Galicia é clave a implicación do Goberno central e lembra que con ese fin o Executivo galego lle solicitou en distintas ocasións máis flexibilidade nos fondos
Vigo, 5 de agosto de 2026
O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado pola directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, Zeltia Lado, e a delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, visitou hoxe en Vigo o Centro Integrado de Formación Profesional (CIFP) de Coia, no que ademais da formación regrada se imparten accións formativas dirixidas prioritariamente a persoas desempregadas —AFD—. Alí puxo de relevo o potencial deste centro na formación flexible e á carta do mercado laboral en sectores estratéxicos como a automoción e outras áreas relacionadas coa tecnoloxía industrial.
Neste sentido, salientou que está á vangarda e conta con talleres e aulas renovadas para a cualificación nestes ámbitos que o sitúan como un referente na formación técnica e industrial. Ademais, sinalou que mantén colaboracións co tecido empresarial para facilitar a inserción laboral do seu alumnado. Un exemplo desta colaboración é que o Clúster de Automoción e Mobilidade de Galicia —Ceaga— imparte formación nas instalacións do CIFP de Coia e charlas sobre as posibilidades de inserción laboral na automoción.
Isto concorda, subliñou González, co modelo de formación para o emprego promovido pola Xunta, que aposta por unha formación áxil, flexible e conectada coas necesidades do tecido produtivo co fin de responder ao reto da cobertura de vacantes. No marco deste compromiso, aliñado co que promove a Unión Europea, o Goberno galego realiza un importante esforzo inversor e de optimización nas principais ordes de axudas de formación para o emprego, entre elas a destinada a AFD como as que se imparten neste centro e que se orientan á adquisición e mellora de competencias prioritariamente das persoas desempregadas, coa posibilidade de que participen ata un 30% de persoas ocupadas.
No CIFP de Coia na actualidade estanse levando a cabo seis AFD relacionadas coa instalación e mantemento, electricidade e electrónica e fabricación mecánica e nas que participan case 60 persoas e en total ten programadas máis de 20 accións formativas para desempregados a desenvolver en dúas anualidades.
O conselleiro aproveitou esta visita para lembrar que está aberto ata o 30 de novembro o prazo de presentación de solicitudes dos apoios autonómicos ás AFD, unha iniciativa que a Xunta segue potenciando con 60 M€ logo dunha ampliación de crédito de 20 M€, pola súa alta demanda. Salientou ademais que, co prazo aínda aberto para acoller máis solicitudes, ata agora concedéronse achegas a máis dun milleiro de accións formativas destinadas a preto de 17.000 persoas alumnas.
Máis flexibilidade nos fondos de formación
Ademais, o conselleiro subliñou que para seguir potenciando o modelo de formación que promove Galicia é clave a implicación do Goberno central. Nesta liña, lembrou que a Xunta lle solicitou en distintas ocasións máis flexibilidade nos fondos de formación para poder impulsar unha experiencia piloto de microformacións con clústeres sectoriais galegos, que na actualidade non permite o marco vixente. Lembrou que este é un ámbito no que Galicia conta con experiencia tal e como demostra a iniciativa das formacións de carácter non formal financiada con fondos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia.