Román Rodríguez destaca o papel formativo, musical e impulsor do talento mozo do Clarinet Fest
Lalín (Pontevedra), 5 de agosto de 2026
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez visitou hoxe aos alumnos que participan nas aulas do Clarinet Fest, unha iniciativa impulsada polo Concello de Lalín co apoio da Xunta, que ata o próximo domingo reúne a recoñecidos clarinetistas de nove países pertencentes a orquestras e universidades de prestixio. Este evento sitúa á capital do Deza nun referente musical internacional durante estes días, ao tempo que xoga un papel importante na formación e fomento de novas vocacións e promoción do talento mozo.
O programa do festival, que vai pola súa sétima edición, combina actividades formativas, clases maxistrais e obradoiros con concertos e recitais de piano e de jazz ao longo da semana. Ademais, o sábado terá lugar o IV Concurso Internacional Galicia Clarinet Fest, destinado a promover o talento novo e a excelencia interpretativa.