O conselleiro de Educación, Román Rodríguez, acompañado pola delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, presentou o proxecto nunha visita ao centro
A Xunta licitará este ano a rehabilitación integral do colexio Camiño de Santiago, no Pino, por 1,3 M€
Renovarase por completo a envolvente dos edificios, acadando un aforro enerxético e de emisións de polo menos un 30%
“Isto vai supoñer mellorar o confort térmico das instalacións e, polo tanto, o día a día da comunidade educativa”, explica o conselleiro
O Pino (A Coruña), 5 de agosto de 2026
A Xunta de Galicia licitará este ano a rehabilitación integral co Centro Público Integrado Camiño de Santiago, no concello coruñés do Pino, na que investirá arredor de 1,3 M€. Así o avanzou esta mañá o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, nunha visita ao centro, na que explicou que a actuación “vai supoñer remodelar por completo a envolvente dun colexio que conta con máis de 50 anos, mellorando así a súa eficiencia enerxética”.
O titular do departamento educativo do Goberno galego, que estivo acompañado pola delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, sinalou que se está a pechar o proxecto, pero que a previsión é que o aforro enerxético supere o 30% tanto en consumo de enerxía primaria non renovable como en emisións de dióxido de carbono. “Isto vai supoñer, de xeito paralelo, mellorar o confort térmico das instalacións e, polo tanto, o día a día da comunidade educativa”, explicou o conselleiro
O programa de actuacións contempla a substitución de 2.091m² de cuberta, 126 fiestras e cinco portas. Ademais, aplicarase illamento térmico tipo SATE en 1886m² de fachadas e instalaranse 636 novas luminarias de alta eficiencia enerxética e 173 luces de emerxencia.
O CPI Camiño de Santiago consta dun edificio orixinal que está a piques de cumprir 50 anos e dunha ampliación que data de finais dos 90. O illamento das fachadas e a renovación de carpinterías exteriores e luminarias afecta a ambos edificios, mentres que a cuberta só se mudará no edificio orixinal e nos patios exteriores. A maiores, colocaranse falsos teitos en todo o centro e renovarase a chapa exterior que pecha a escaleira de emerxencia, entre outras tarefas.