A Xunta investirá 300.000 euros en obras de rehabilitación da drenaxe na PO-331 e na PO-532
O delegado territorial anunciou hoxe en Ponte Caldelas que a obra sairá mañá a información pública
A actuación permitirá mellorar a drenaxe da PO-331 e da PO-532 ao seu paso por Ponte Caldelas
Ponte Caldelas (Pontevedra), 5 de agosto de 2026.
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Pablo Fernández, visitou esta mañá o concello de Ponte Caldelas para anunciar que mañá sairá publicado no Diario Oficial de Galicia (DOG) o trámite da información pública do proxecto de rehabilitación de dúas obras de drenaxe transversal nas estradas autonómicas PO-331 e PO-532, unha actuación promovida pola Xunta que contará cun investimento superior aos 300.000 euros.
O proxecto ten como obxectivo rehabilitar a drenaxe transversal da PO-331, estrada da rede primaria da Xunta que atravesa os concellos de O Porriño, Mos, Vigo e Gondomar, no pq 13+090, así como na PO-532, no pq 10+250 no concello de Ponte Caldelas, garantindo así a conservación destas infraestruturas e reforzando a seguridade viaria.
No caso da actuación prevista na PO-532, executarase a rehabilitación da drenaxe mediante a instalación dun novo tubo de PRFV no interior da estrutura existente, procedendo posteriormente ao recheo do espazo entre ambas conducións con formigón inxectado. Esta solución permitirá mellorar a capacidade e durabilidade da infraestrutura minimizando a afección á estrada durante a execución dos traballos.
Pola súa banda, na obra situada na PO-331 será necesario escavar sobre a drenaxe existente para substituír a condución actual por un novo tubo de PRFV, procedendo posteriormente ao recheo e á reposición do firme afectado, garantindo así o correcto funcionamento da infraestrutura.
O proxecto non contempla expropiacións, senón unicamente ocupacións temporais durante a execución das obras, cuxo prazo estimado é de 16 semanas.
Durante a visita, o delegado territorial destacou que esta actuación "reflicte o compromiso da Xunta co mantemento e a modernización da rede viaria autonómica, anticipándose ás necesidades de conservación das infraestruturas para garantir a seguridade dos usuarios". Neste sentido, lembrou que a publicación da información pública constitúe un novo paso para avanzar na tramitación dun proxecto que permitirá reforzar a funcionalidade destas obras de drenaxe e prolongar a súa vida útil.