Belén do Campo visita a unidade de doazón de sangue da campaña estival “Un Alento de Vida” que chega ao Obelisco na Cidade da Coruña
A delegada lembrou que no pasado 2025, A Coruña foi a segunda cidade galega en número de doazóns, con 10.772, e unha taxa de 43 doazóns por cada 1.000 habitantes e ano, índice que se atopa por riba da media de Galicia (39/1.000)
Ao redor de 170 concellos recibirán a visita das unidades móbiles da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue co obxectivo de obter 400 doazóns diarias no período estival
A Coruña, 5 de agosto de 2026.
A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, acompañada pola directora territorial da Consellería de Sanidade, Cristina Pérez, e polo director de xestión de ADOS, José Luis Beiras visitou, esta mañá, a unidade de doazón de sangue na cidade da Coruña que se suma á campaña de verán “Un alento de vida”, que desenvolve a Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) co obxectivo de fomentar a participación cidadá durante os meses de verán. A unidade móbil da Axencia estará estacionada na zona do Cantón-Obelisco, diante do Banco Sabadell, das 09:30 ás 14:30 e das 15:30 ás 21:00 horas Hoxe mesmo tamén están as unidades no Concello de Malpica.
Esta iniciativa achegará a doazón a máis de 170 concellos galegos entre o 15 de xuño e o 31 de agosto, con 800 desprazamentos, tentando garantir a participación dos galegos e galegas nas campañas da ADOS durante o período estival e obter ao redor de 22.000 doazóns de sangue co obxectivo de 400 doazóns diarias xa que son as doazóns necesarias para garantir o axeitado abastecemento de compoñentes sanguíneos aos nosos hospitais.
Esta cifra se mantén nos meses de verán, un período especialmente sensible por mor da deslocalización dos doantes habituais. Neste campaña as unidades móbiles estarán, na provincia, nos vindeiros 15 días, en Carballo, Ponteceso, Coristanco, Laxe, A Pobra, Noia, e Ames
A delegada da Xunta lembrou que no ano 2025 realizáronse 105.333 doazóns en toda Galicia tres puntos por encima da media nacional e no que levamos de ano, a día de hoxe, xa se realizaron 60.000 doazóns.
Colaboración fundamental
A campaña “Un alento de vida” lembra a importancia de procurar unha oportunidade de curación para moitos enfermos que só poden brindarlle os doantes de sangue que, co seu xesto solidario, contribúen ao posibilitar o tratamento de moitos doentes atendidos no noso sistema público de saúde.
As persoas que participen na campaña de verán recibirán un agasallo como unha almofada ou un balón de praia pola súa participación e, nesta ocasión, ao carón da unidade móbil instalarase un espazo que simula unha típica terraza de verán. Os doantes poderán inflar un globo que pasará a formar parte da escenografía e, deste xeito, simbolizar ese aire que supón para moitos doentes recibir unha transfusión de compoñentes sanguíneos.
Esta iniciativa quere chamar a atención sobre a necesidade de doar aínda que sexa verán e desfrutemos de vacacións, lembrando que as unidades móbiles tamén terán unha importante presenza en municipios de costa e eminentemente vacacionais.
Elevada participación
A delegada lembrou que no pasado 2025, A Coruña foi a segunda cidade galega en número de doazóns, con 10.772, e unha taxa de 43 doazóns por cada 1.000 habitantes e ano, índice que se atopa por riba da media de Galicia (39/1.000).
Durante a visita, a representante autonómica destacou que o local de doazón de ADOS situado no Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC) contabilizou un total de 3.234 doazóns, consolidándose como un dos principais puntos de recollida da área sanitaria.
No ámbito educativo, subliñou a elevada implicación dos centros de ensino secundario. Así, o CIFP Ánxel Casal rexistrou 221 doazóns no que vai de 2025, mentres que o CIFP Someso alcanzou as 102 doazóns, situándose como os centros con maior participación.
En relación coa Universidade da Coruña (UDC), a delegada explicou que durante a primeira fase da campaña correspondente ao curso 2025-2026 se contabilizaron 678 doazóns no campus da Coruña, das que 277 corresponderon a persoas doantes por primeira vez.
A delegada lembrou tamén que ADOS mantén convenios de colaboración coa Universidade da Coruña e traballa de maneira estreita coa Oficina Universidade Saudable para fomentar a cultura da doazón entre a comunidade universitaria. Neste ámbito, salientou as campañas desenvolvidas en colaboración co Leyma Coruña, que contribúen a sensibilizar e captar novos doantes.
No eido empresarial e institucional, informou de que ADOS continúa desenvolvendo campañas periódicas en empresas e organismos públicos. Entre os centros con maior participación destacan El Corte Inglés, con 122 doazóns; Atento, con 74; Alcampo, con 71; Marineda City, con 66; Carrefour Los Rosales, con 64; e Repsol, con 47.
Por barrios, a maior participación rexistrouse na zona de Cantón-Obelisco, con 1.269 doazóns, seguida do barrio das Conchiñas (499), Catro Camiños (480) e Os Rosais (416).
Participación
Desde a Axencia convidan a toda a cidadanía a tomar parte nesta nova campaña de doazón, lembrando que pode doar sangue calquera persoa maior de 18 anos, que pese máis de 50 quilos e non padeza nin teña padecido enfermidades transmisibles polo sangue.
Para máis información, ADOS dispón do sitio web: ados.sergas.gal, as redes sociais, e o teléfono gratuíto: 900 100 828, para resolver calquera dúbida relacionada coa doazón de sangue ou coñecer a data dos desprazamentos das unidades móbiles.