O conselleiro de Sanidade, acompañado polo xerente do Servizo Galego de Saúde, Luis León Mateos, visitou o servizo de oftalmoloxía da área sanitaria de Santiago

Gómez Caamaño destaca o carácter punteiro do servizo de oftalmoloxía do hospital de Conxo, cun 55,7 % máis de actividade cirúrxica e preto de 35.000 primeiras consultas en 2025

Resalta que se reduciu a demora media para a primeira consulta en oftalmoloxía de 34,9 días a só 22, aínda aumentando a actividade

Só en 2025 este servizo realizou 4.500 cirurxías de cataratas, 470 vitrectomías, 240 intervencións de glaucoma e 110 transplantes de tecidos oculares

O Hospital de Conxo é centro de referencia en oftalmoloxía a nivel nacional, para tumores intraoculares e para a reconstrución da superficie ocular complexa, polo que recibe pacientes doutras comunidades

Chama a atención sobre o labor investigador de oftalmoloxía, con 14 ensaios clínicos en marcha a través do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago

Ás portas da eclipse do 12 de agosto, o conselleiro fai un chamamento á observación responsable, con gafas homologadas para evitar lesións de retina irreversibles

Santiago de Compostela, 6 de agosto de 2026

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, recalca o carácter punteiro do servizo de oftalmoloxía da área sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza, situado no Hospital de Conxo, que nos últimos catro anos incrementou a súa actividade cirúrxica nun 55,7 % e só en 2025 atendeu preto de 35.000 primeiras consultas.

O conselleiro, acompañado polo xerente do Servizo Galego de Saúde, Luis León Mateos, realizou unha visita a oftalmoloxía coa xefa do servizo, María José Blanco Teijero, na que tamén coñeceu de primeira man o funcionamento do novo láser de femtosegundo guiado por OCT (tomografía de coherencia óptica) intraoperatorio e sistema de visualización 3D.

Gómez Caamaño subliñou a importancia do aumento de máis dun 15 % das primeiras consultas realizadas por este servizo e, ao mesmo tempo, a redución da espera media lograda. O acceso a unha primeira consulta de oftalmoloxía diminuíu de 34,9 días de media a tan só 22.

Neste sentido, o conselleiro de Sanidade valorou estes resultados en relación á mellora na atención aos pacientes, xa que un acceso máis rápido ao especialista é algo decisivo en patoloxías nas que preservar a visión depende, en moitos caso, dun diagnóstico e dun tratamento precoz.

O servizo de oftalmoloxía compostelán realizou, en 2025, 4.500 cirurxías de cataratas, 470 vitrectomías, 240 intervencións de glaucoma e 110 transplantes de tecidos oculares.

A isto hai que sumar a intensa actividade da unidade de terapia intravítrea, que acadou as 8.300 inxeccións anuais para frear a evolución de patoloxías graves da retina.

Gómez Caamaño indicou que estes resultados son froito dunha mellor organización do servizo, dun traballo máis coordinado coa atención primaria e tamén da aposta pola telemedicina, especialmente no cribado e seguimento da retinopatía diabética.

Ademais, o conselleiro de Sanidade mencionou a incorporación de tecnoloxía punteira, como o sistema de visualización 3D Ngenuity, que substitúe o microscopio analóxico tradicional. Isto, sumado ao apoio da intelixencia artificial, permite realizar intervencións cada vez máis precisas, máis seguras e con mellores resultados para os pacientes.

Centro de referencia nacional

Gómez Caamaño resaltou o alto nivel de especialización dos profesionais do Hospital de Conxo. Desde 2008 o Ministerio de Sanidade designou este servizo como CSUR (Centros, Servizos e Unidades de Referencia) para o tratamento de tumores intraoculares en pacientes adultos e tamén para a reconstrución da superficie ocular complexa. Isto permite atender no hospital santiagués tanto a pacientes de toda Galicia como procedentes doutras comunidades autónomas.

Da calidade deste servizo de oftalmoloxía tamén fala  o importante labor investigador e docente que realiza. Os seus profesionais participan na formación de estudantes e especialistas e, a través da Fundación Pública Galega Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela, desenvolven actualmente 14 ensaios clínicos.

Precaución ante a eclipse

Xunto aos profesionais da oftalmoloxía, o conselleiro de Sanidade fixo un chamamento á prudencia para desfrutar da eclipse solar do 12 de agosto con seguridade para protexer a saúde ocular.

Indicou que nunca se debe mirar directamente ao sol e só se poden utilizar gafas homologadas que cumpran a norma ISO 12312-2. Lembrou que mirar a través de prismáticos, telescopios ou con cámaras sen filtros específicos pode provocar lesións irreversibles na retina en apenas segundos.

Ante síntomas como visión borrosa, manchas na vista ou calquera outra alteración visual, o conselleiro sinalou que se debe acudir a urxencias de forma inmediata.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 06/08/2026