A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, visitou hoxe o inicio destes traballos no concello coruñés
A Xunta inicia as obras da senda que unirá Arteixo e Lañas, que supoñen un investimento de máis de 860.000€
O novo itinerario, de uso compartido peonil e ciclista, estenderase ao longo de máis dun quilómetro de lonxitude na estrada AC-552 e conectará coas beirarrúas existentes
A actuación, que ten un prazo de execución de 6 meses, cofinanciarase con fondos FEDER 2021-2027
Os traballos completaranse coa disposición dunha franxa de xardín para separar a senda do tráfico, coa mellora dunha parada de autobús e a dotación de novo alumeado público
Allegue subliña o compromiso da Xunta coa mobilidade sostible e con seguir dotando destes itinerarios ás estradas autonómicas para favorecer os desprazamentos seguros das persoas
Arteixo (A Coruña), 6 de agosto de 2026
A Xunta inicia as obras da senda que unirá o núcleo urbano de Arteixo e Lañas, no concello coruñés, e que supoñen un investimento de máis de 860.000€. A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, visitou hoxe o inicio destes traballos.
O novo itinerario, de uso compartido peonil e ciclista, estenderase ao longo de máis dun quilómetro de lonxitude na estrada AC-552 e o investimento acada 868.000€, cofinanciado con fondos FEDER 2021-2027.
A senda, de 2,5 metros de ancho, conectará coas beirarrúas e favorecerá o corredor peonil-ciclista metropolitano que xa existe na contorna de Arteixo. Ademais, a actuación completarase coa habilitación dunha franxa de xardín para separar o itinerario do tráfico, a mellora dunha parada de autobús e novo alumeado público.
A conselleira subliñou o compromiso da Xunta coa mobilidade sostible e con seguir dotando destes itinerarios ás estradas autonómicas para favorecer os desprazamentos seguros das persoas “e continuar tamén embelecendo as nosas vilas e cidades”. Allegue indicou que as obras desta senda teñen un prazo de execución de 6 meses, de xeito que será unha realidade no vindeiro 2027.
A actuación súmase a outras anteriores levadas a cabo pola Xunta nesta estrada AC-552, como os treitos de senda entre Pastoriza e Vilarodís, así como intervencións de reforzos de firme, ampliación da calzada, ou mellora da seguridade en paradas de autobús.
”Seguiremos traballando ao abeiro do noso Plan de Sendas da Xunta-destacou- para seguir a sumar quilómetros de infraestruturas de mobilidade sostible para fomentar a seguridade das persoas”.