Medio Rural consolida a súa aposta pola recría de razas autóctonas cunha liña de axudas específica

O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, visitou unha explotación beneficiaria destas achegas en Trasmiras

Esta liña de axudas está dotada con 390.000 euros, e poden solicitala titulares de granxas con exemplares das razas Caldelá, Frieiresa, Vianesa, Limiá e Cachena, así como de Ovella Galega e Cabra Galega

Cada explotación pode recibir, como máximo, 15.000 euros de axuda, o que corresponde a ata 350 euros por animal bovino e ata 60 por ruminante pequeno

A explotación visitada conta con 107 animais, todos eles de raza Limiá

Trasmiras (Ourense), 7 de agosto de 2026

O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, sinalou que a Consellería do Medio Rural está a consolidar a súa aposta pola recría de razas autóctonas cunha liña de achegas específica. Fíxoo hoxe nunha visita a unha explotación de animais de raza Limiá situada no concello ourensán de Trasmiras, e que foi beneficiaria destas axudas.

O director salientou que se trata da segunda convocatoria desta liña de apoio, que está dotada cun orzamento de 390.000 euros, dos cales 350.000 se destinan a explotacións de gando bovino, e os 40.000 euros restantes para gando ovino e caprino.                                                                                                                

A través destas achegas dirixidas a titulares de explotacións de razas autóctonas de ruminantes ameazas, como son a Caldelá, Frieiresa, Vianesa, Limiá e Cachena, así como a Ovella Galega e a Cabra Galega, concédense aportacións de ata 350 euros por animal bovino e de ata 60 por pequenos ruminantes. Deste xeito, destínase un máximo de 15.000 euros por explotación.

Son subvencionables os animais de raza rexistrados no libro xenealóxico correspondente, presentes na explotación dende o 15 de xullo de 2026 e que teñan unha idade entre 12 e 24 meses para o caso vacún, e de entre 6 e 18 meses de exemplares de ovino e cabrún. Ademais, deberán ter un compromiso de permanencia na explotación de mínimo 12 meses desde a data de finalización do prazo de solicitude.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 07/08/2026