O presidente da Xunta visitou hoxe en San Sadurniño a Granxa A Esperanza, da Cooperativa Agraria Provincial da Coruña

Rueda subliña que Bico de Xeado representa o futuro sólido e competitivo do rural galego

Destaca que este proxecto achega valor engadido ao leite desde o respecto polo benestar animal e polo medio ambiente

Apunta que se trata tamén dunha mostra de éxito do cooperativismo galego, unha fórmula que a Xunta vai seguir impulsando a través da nova lei que se está a tramitar

San Sadurniño (A Coruña), 13 de agosto de 2026.- O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, subliñou hoxe que Bico de Xeado representa o futuro sólido e competitivo do rural galego, con granxas modernas, eficientes e vinculadas ao territorio.

Rueda, acompañado pola conselleira do Medio Rural, María José Gómez, visitou hoxe en San Sadurniño a Granxa A Esperanza, da Cooperativa Agraria Provincial da Coruña, impulsora de Bico de Xeado. Na súa intervención, o responsable do Executivo autonómico sinalou que esta iniciativa pode presumir de ser “un exemplo perfecto da Galicia Calidade”, apuntando que o Goberno galego continuará apoiando este tipo de iniciativas.

Así, o presidente destacou que nestas instalacións se produce unha materia prima de calidade coa que logo se elabora un xeado recoñecido en Galicia e no resto de España, cun total de 30 xeaderías. Segundo salientou o presidente, esta transformación achega valor engadido ao leite partindo do respecto polo benestar animal e polo medio ambiente.

Bico de Xeado, con 30 cooperativas socias, é tamén, tal e como apuntou Rueda, un exemplo da fórmula de éxito que supón o cooperativismo galego. Tal e como lembrou o presidente, a Xunta está a tramitar a nova Lei de cooperativas de Galicia. Isto permitirá actualizar un marco legal que tiña xa case tres décadas, para “seguir estimulando este xeito de traballar que en Galicia e no rural galego ten unha especial incidência”. O obxectivo é dar máis seguridade xurídica, facilitar o emprendemento rural e axilizar a creación e xestión de novas entidades, impulsando un modelo que continúa medrando, con máis de 2.000 cooperativas activas en Galicia.

“Galicia ten moitísimos sectores económicos que merecen ser apoiados pero sen dúbida o que explica a nosa esencia, o que explica a nosa continuidade e que o garante o futuro é o sector que sempre estivo aquí, que é o sector primario”, concluíu Rueda, quen apuntou que a modernización do sector “é un exemplo, e que fai que nos sintamos orgullosos”.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 13/08/2026