A Xunta continúa co trámite do decreto sobre nitratos agrarios á espera de que o Goberno central achegue o preceptivo estudo de presións

Hoxe mesmo foi remitida a documentación ás organizacións profesionais agrarias que son membros do Consello Agrario para que poidan remitir as súas alegacións, cuxo prazo de presentación é ata o 3 de setembro

O proxecto de decreto polo que se determinan as actuacións dirixidas a reducir e evitar a contaminación producida por nitratos procedentes de fontes agrarias está xa dispoñible no Portal de Transparencia e Goberno Aberto

A Xunta cumpre así a súa obriga legal, proporciona seguridade xurídica e anticípase a unha posible declaración de zonas vulnerables a nitratos, sempre para protexer o sector agrogandeiro galego, caracterizado pola súa profesionalidade e bo facer

O decreto permitirá tamén elaborar os correspondentes códigos de boas prácticas e os programas de actuación que as persoas agricultoras deberán aplicar obrigatoriamente sobre as zonas vulnerables e voluntariamente no resto do territorio

Santiago de Compostela, 14 de agosto de 2026.

Xa está dispoñible no Portal de Transparencia e Goberno Aberto o proxecto de decreto polo que se determinan as actuacións dirixidas a reducir e evitar a contaminación producida por nitratos procedentes de fontes agrarias na Comunidade Autónoma de Galicia. Continúa así a tramitación desta norma, iniciándose o trámite de información pública. Esta documentación fíxoselle chegar hoxe mesmo ás organizacións profesionais agrarias que son membros do Consello Agrario para que poidan remitir as súas alegacións, cuxo prazo de presentación abrangue ata o 3 de setembro.  

A través deste decreto, o Goberno galego cumpre coas súas obrigas legais, proporciona seguridade xurídica e anticípase ante unha posible declaración de zonas vulnerables a nitratos, sempre coa premisa de protexer o sector agrogandeiro galego, que é un eido caracterizado pola súa profesionalidade e bo facer.

Neste contexto, cómpre lembrar que a normativa estatal esixe un informe sobre as presións agropecuarias, urbanas e outras que poidan considerarse significativas para a devandita declaración de zonas vulnerables. Polo de agora, este estudo, que resulta imprescindible para a designación das áreas por parte da Comunidade Autónoma, segue sen achegarse por parte do Goberno de España. Malia isto, a Xunta tramita este decreto co fin de determinar o procedemento aplicable para tal determinación, así como para elaborar os correspondentes códigos de boas prácticas e os programas de actuación.

As persoas agricultoras deberán aplicar obrigatoriamente estes códigos de boas prácticas e os programas de actuación sobre as zonas vulnerables e de xeito voluntario no resto do territorio. A elaboración de ambas as dúas medidas corresponde á Consellería do Medio Rural, pero unha vez definidas as ditas áreas.

Normativa de aplicación

A regulación contida neste decreto enmárcase no disposto na Directiva 91/676/CEE, do Consello, do 12 de decembro, relativa á protección das augas contra a contaminación producida por nitratos utilizados na agricultura, e no Real decreto 47/2022, do 18 de xaneiro, sobre protección das augas contra a contaminación difusa producida polos nitratos procedentes de fontes agrarias, que traspón a citada directiva.

A directiva europea impón aos Estados membros a obriga de identificar as augas que se atopen afectadas pola contaminación por nitratos desta procedencia, cuxas concentracións deberán ser vixiadas nunha serie de estacións de mostraxe.

O Real decreto do Goberno central establece as medidas necesarias para reducir a contaminación das augas superficiais continentais, as augas de transición, as augas costeiras e as augas subterráneas, causadas polos nitratos procedentes de fontes agrarias, regula as zonas vulnerables e prevé que corresponde ás comunidades autónomas designalas.

Así, segundo o establecido neste Real decreto, é a Dirección Xeral da Auga do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico a encargada da elaboración do estudo de presións que determine as augas afectadas pola contaminación por nitratos de orixe agrario e a posterior designación das zonas vulnerables por parte das comunidades autónomas.

Data de actualización: 14/08/2026