Villares destaca o apoio da Xunta á expansión do tecido empresarial de Lugo a través do programa ‘Galicia Inviste’

O delegado territorial sinalou que se concederon en total máis de 2 millóns de euros en axudas a 19 empresas da provincia, sete delas na capital

Visitou Tecgal Enerxías e Vinilos Lugo, onde destacou o papel das pemes na creación de emprego e o seu esforzo por innovar e ser competitivas

Lugo, 14 de agosto de 2026.

O delegado territorial de Lugo, Alfonso Villares,   destacou hoxe o apoio da Xunta ao tecido empresarial a través do programa “Galicia Inviste”, impulsando a creación de novas empresas e a consolidación e crecemento das existentes.

Villares visitou dúas das sociedades beneficiarias destas axudas no municipio de Lugo e coñeceu os seus plans de crecemento da man dos seus responsables, Laura Aldariz, de Tecgal Enerxías, e Héctor Álvarez e José Antonio Carballal, de Vinilos Lugo. Subliñou que as pemes “son o principal motor de emprego e de creación de riqueza na provincia”, e gabou “o esforzo que realizan para innovar e ser competitivas”.

Neste sentido, lembrou que mediante esta iniciativa do Igape o Goberno galego destinou a 19 firmas lucenses achegas por un importe global superior aos 2 millóns de euros, que representa case o 30% do investimento apoiado.

En canto á distribución territorial, sete empresas teñen a súa sede no municipio da capital, dúas en Ribadeo e Sarria respectivamente, e as demais corresponden a Barreiros, Becerreá, Cervo, Guitiriz, Láncara, Pantón, Pol e Rábade. As achegas, cofinanciadas pola Unión Europea, respaldan os investimentos que realizan as pequenas e medianas empresas para a creación ou ampliación dos establecementos.

Tecgal Enerxías, dedicada ao sector das enerxías renovables, está construíndo unha nave de case 900 m2 no polígono industrial das Gándaras, na rúa Roberto Novoa Santos. Contará con zona de oficinas, almacén e salas de traballo e exposición de equipos, entre outras.

Pola súa banda, Vinilos Lugo reformou as súas instalacións, que tamén están situadas no polígono das Gándaras, na rúa Ramón María Aller Ulloa. O proxecto afectou á zona que empregan para rotular vehículos, e incluíu a execución dunha nova estrutura e a incorporación dos equipamentos necesarios para o seu uso.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 14/08/2026