Estabilizado o incendio forestal do concello ourensán de Riós, parroquia de Fumaces e A Trepa
Segundo as últimas estimacións, o incendio afecta unha superficie de arredor de 30 hectáreas
Foi necesario decretar a Situación 2 pola súa proximidade ao núcleo de poboación de Fumaces, unha situación operativa de emerxencia que xa foi desactivada
Santiago de Compostela, 16 de agosto de 2026
A Consellería do Medio Rural informa de que o incendio forestal rexistrado no concello ourensán de Riós, parroquia de Fumaces e A Trepa, quedou estabilizado ás 13,06 de hoxe. Nel foi necesario decretar a Situación 2 pola proximidade do lume ao núcleo de poboación de Fumaces, unha situación operativa de emerxencia que xa foi desactivada.
O incendio iniciouse onte ás 16,54 horas e segundo as últimas estimacións provisionais afecta unha superficie de 30 hectáreas. Para a súa extinción mobilizáronse polo de agora, 3 técnicos, 14 axentes, 22 brigadas, 16 motobombas, 3 pas, 3 helicópteros e 7 avións.
A Consellería do Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085. Así mesmo, toda a información actualizada sobre incendios forestais que acadan as 20 hectáreas poderá ser consultada na conta aberta de X (antigo twitter): @incendios085.