A Xunta licita por case 840.000 € as obras de mellora da estación depuradora de San Cristovo de Cea
A intervención, cun prazo de 12 meses para executar os traballos, permitirá resolver as carencias da actual EDAR e introducir sistemas tecnolóxicos para automatizala
Este contrato enmárcase no paquete de actuacións impulsado por Augas de Galicia para reforzar os servizos hidráulicos básicos no rural, cunha trintena de obras executadas, en obras ou comprometidas e un investimento de case 28 M€
Santiago de Compostela, 17 de agosto de 2026
A Xunta de Galicia acaba de licitar por un importe de 838.072,44 euros, IVE incluído, a obra destinada á posta a punto e mellora da estación depuradora de augas residuais (EDAR) de San Cristovo de Cea, unha actuación que resolverá as deficiencias técnicas da actual infraestrutura, ademais de dotala de sistemas tecnolóxicos que garantan un funcionamento automatizado e eficiente.
En concreto, intervirase sobre a liña de auga (é dicir, o conxunto de procesos e equipos polos que pasan as augas residuais durante o seu tratamento) para substituír as dúas bombas actuais, instalar un novo caudalímetro e construír tamén unha arqueta nova provista de dúas canles, ademais de intervir no sistema de pretratamento das augas residuais. En canto á liña de lodos da EDAR, está previsto tamén o cambio das bombas de recirculación existentes e da destinada á purga dos lodos, ao tempo que se substituirá o equipo de deshidratación manual por outro automático.
Ademais, as obras proxectadas tamén incluirán outros traballos de acondicionamento e mellora das instalacións como, por exemplo, limpeza e impermeabilización interior das principais estruturas e rehabilitación do edificio de explotación; instalación dun sistema de control e xestión e substitución do cadro eléctrico da depuradora e do cableado aos equipos; e adecuación do camiño que dá acceso á EDAR.
O prazo para a presentación de ofertas por parte das empresas interesadas nesta licitación remata o próximo 16 de setembro e unha vez resolto o procedemento, a adxudicataria disporá de 12 meses para a execución das obras.
Cómpre lembrar que esta actuación enmárcase no convenio de colaboración subscrito entre a Xunta e o Concello, cun importe total de máis dun millón de euros, en virtude do cal Augas de Galicia comprométese a asumir o 80% do custo da renovación da EDAR —con cofinanciamento do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader)—, e o Goberno local achegará o 20% restante.
Colaboración cos concellos
A planificación hidráulica e a prestación dos servizos municipais relacionados coa auga no rural galego presenta unha complexidade específica pola dispersión da poboación, a existencia de numerosos núcleos e parroquias (de feito, Galicia concentra máis da metade dos núcleos de poboación de España), a presenza de vivendas afastadas dos sistemas principais e a necesidade de empregar solucións proporcionadas á escala de cada ámbito.
Isto explica que as actuacións deseñadas non respondan a un modelo único, senón que combinan melloras de abastecemento, ampliacións de redes de saneamento, novas estacións depuradoras, posta a punto de instalacións existentes, bombeos, colectores, ramais de conexión e renovación de infraestruturas básicas.
A intervención de San Cristovo de Cea forma parte dunha nova carteira de actuacións de abastecemento, saneamento e depuración no rural impulsada ao abeiro da programación FEADER-PEPAC, que dá continuidade ás actuacións desenvolvidas nos últimos anos con financiamento europeo.
En conxunto, a Xunta de Galicia está a impulsar unha trintena de intervencións (executadas, en obras ou en tramitación) co fin de reforzar e garantir os servizos básicos relacionados coa auga no rural galego, que suman un investimento global estimado de case 28 millóns de euros.