A Xunta e a Confraría de Ribadeo analizan novas liñas de apoio para fortalecer a actividade pesqueira local

A Consellería do Mar mobilizou preto de 150.000 euros en axudas para a entidade entre 2025 e 2026 destinados á xestión da pesca artesanal, equipamentos de traballo e a mellora da lonxa

O pósito ribadense participa no proxecto científico Algaprox, centrado no estudo técnico, aproveitamento e xestión sostible de diversas especies de macroalgas en Galicia

Ribadeo (Lugo), 18 de agosto de 2026

A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Ángeles Vázquez Suárez, mantivo hoxe no porto de Ribadeo un encontro co patrón maior da Confraría de Pescadores Santa María do Campo, Javier Martínez Otero. A xuntanza enmárcase nos contactos continuos que a Consellería do Mar mantén co sector pesqueiro para escoitar de primeira man as súas necesidades e estudar novas vías de colaboración.

O traballo conxunto da Xunta coa confraría de Ribadeo traduciuse, entre outros aspectos, na mobilización de 150.000 euros a través de distintas liñas de axuda cofinanciadas polo Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA) entre 2025 e 2026. Dentro deste apoio institucional, a entidade contou cunha achega de 36.327 euros na anualidade de 2025 e outros 36.327 euros concedidos en 2026 para proxectos colectivos de xestión sustentable da pesca costeira artesanal, garantindo tarefas esenciais de vixilancia e asistencia técnica.

Así mesmo, no eido da mellora de equipamentos e servizos portuarios, o pósito recibiu 30.370 euros para a adquisición dunha carretilla elevadora e dunha transpaleta coas que optimizar o traballo diario. A estes investimentos súmanse 11.421 euros destinados á modernización da lonxa a través das Estratexias de Desenvolvemento Local Participativo (EDLP), que permitirán renovar o equipo frigorífico da cámara de fresco incorporando refrixerantes de baixo impacto ambiental, reducindo o consumo enerxético e garantindo a máxima calidade do produto desembarcado.

Proxecto Algaprox

No eido científico, a confraría de Ribadeo participa activamente no proxecto Algaprox, desenvolvido no marco da rede Redemar xunto co Centro de Investigacións Mariñas de Galicia (CIMA), a Universidade da Coruña (UDC), a Federación Galega de Confrarías, a OPP20 e as confrarías de Cangas e Vilanova de Arousa.

Esta iniciativa avalía a distribución real, o manexo técnico e as posibilidades de aproveitamento comercial das macroalgas de especial interese para a frota, ademais de deseñar medidas de control e erradicación de especies foráneas que poidan comprometer a biodiversidade dos ecosistemas costeiros galegos.

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Mar
Data de actualización: 18/08/2026