A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático participa en Oleiros nunha das actividades promovidas pola Xunta e Ecoembes no marco da campaña ‘Impropio de nós’
A Xunta aposta pola sensibilización cidadá para seguir mellorando a reciclaxe de envases lixeiros e reducir os residuos impropios no contedor amarelo
Ángeles Vázquez incide na importancia de fomentar unha correcta separación dos residuos, sobre todo naquelas zonas onde o modelo de xestión acaba de cambiar
A iniciativa, que finaliza a próxima semana en Gandarío, pasará por un total de 15 concellos adheridos á Mancomunidade Serra do Barbanza e ao Consorcio das Mariñas, combinando diversas accións visuais e participativas en rúas, comercios locais e praias
Galicia avanza na consecución dos obxectivos europeos neste eido, cun incremento de 10 puntos na taxa de reciclado e unha mellora significativa na eficacia da separación
Oleiros (A Coruña), 20 de agosto de 2026.
A Xunta de Galicia aposta este verán pola sensibilización cidadá a través dunha campaña divulgativa, desenvolvida en colaboración con Ecoembes, que busca seguir mellorando a reciclaxe de envases lixeiros e reducir a presenza de residuos impropios no contedor amarelo, habilitado de forma específica para a recollida de latas, briks e envases de plástico.
Así o destacou esta mañá a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, quen participou xunto ao representante de Ecoembes en Galicia, Bruno de Llano, nunha actividade organizada na praia de Bastiagueiro no marco da campaña Impropio de nós, que percorrerá ata finais de agosto diferentes localizacións dun total de 15 concellos pertencentes á Mancomunidade Serra do Barbanza e ao Consorcio das Mariñas.
Neste sentido, a responsable autonómica explicou que o obxectivo principal desta nova iniciativa de carácter divulgativo é fomentar a correcta separación dos residuos e, en particular, dos envases lixeiros. De feito, a mensaxe de Impropio de nós espera chegar a unha poboación de máis de 225.000 persoas residentes en municipios nos que se está a implantar de forma real e efectiva o contedor amarelo, un cambio no modelo de xestión que require tamén dun reforzo desde o punto de vista da concienciación para garantir que a cidadanía saiba como separar correctamente esta fracción do lixo.
A campaña, que arrancou en Lousame o 26 de xuño e rematará o 28 de agosto en Gandarío, combina diferentes accións visuais e participativas en rúas, comercios e praias. Nunha primeira fase, instaláronse elementos que son impropios do contedor amarelo en determinadas localizacións para chamar a atención da cidadanía sobre a importancia de depositar neles tan só os refugallos correctos, ademais de distribuír cubos amarelos co lema da campaña, banderolas así como vinilos entre os comercios de todos os municipios incluídos na campaña. Nas últimas semanas tamén se informou á veciñanza repartindo flores amarelas en accións a pé de rúa con bicicletas rotuladas.
Finalmente, durante o mes de agosto Impropio de nós trasladouse tamén ás praias dos concellos costeiros participantes para seguir informando á cidadanía con accións como a de hoxe, nas que se convida á xente a entrar nun posto informativo con forma de iglú para participar nun xogo de pesca de residuos que pon á proba a súa habilidade á hora de identificar que refugallos van no contedor amarelo e cales non.
Aínda que a xestión dos residuos urbanos é unha competencia municipal, cómpre lembrar o apoio e asesoramento continuos que presta a Xunta aos concellos neste eido. Así, desde o ano 2018 a Consellería destinou case 40 millóns de euros en axudas ás entidades locais para financiar proxectos que contribuíron de forma decisiva a que Galicia avance no cumprimento das obrigas fixadas pola Unión Europea en materia de residuos.
De feito, os últimos datos dispoñibles en relación á xeración e xestión dos residuos na Comunidade constatan a boa evolución de Galicia de cara á consecución dos obxectivos comunitarios neste eido, cun incremento de ata 10 puntos na taxa de reciclado e unha mellora na súa posición a nivel nacional en canto a recollida selectiva (que pasou dun 16% a un 24%, cun total de 225.976 toneladas de residuos separados en orixe).
Colaboración con Ecoembes
Esta acción estival de sensibilización e fomento da reciclaxe de envases lixeiros na Comunidade enmárcase no novo convenio de colaboración subscrito o pasado mes de xaneiro entre a Xunta de Galicia e Ecoembes, con vixencia ata o ano 2030.
Co fin de seguir avanzando nunha boa xestión dos residuos, cómpre lembrar que en virtude deste acordo, a entidade prevé destinar arredor de 57 millóns de euros aos concellos galegos pola súa cooperación na recollida e xestión dos residuos de envases lixeiros e de papel-cartón, o que supón un incremento das retribucións do 26%. Pero ademais, co fin de seguir incentivando a recollida separada desta fracción, a Consellería e Ecoembes tamén promoven campañas e iniciativas pontuais como Impropio de nós.