Anxo M. Lorenzo convida a cidadanía a desfrutar de “catro días ateigados de cultura” con máis de 30 actividades na Feira do Libro de Foz

A Praza de Conde Fontao acolle ata o domingo a duodécima e penúltima parada do ciclo impulsado pola Xunta de Galicia e a Federación de Librarías de Galicia

O director xeral de Cultura destaca o apoio do Goberno galego con máis de 4,2M€ nos últimos anos para “impulsar a creación literaria e os autores e autoras galegas”

O encontro conta con conversas literarias, teatro, presentacións de novidades editoriais, sinaturas de libros, contos e música

Foz (Lugo), 20 de agosto de 2026.

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, inaugurou hoxe a Feira do Libro de Foz, a penúltima parada do circuíto que a Xunta de Galicia impulsa en colaboración coa Federación de Librarías de Galicia, onde convidou a desfrutar “a maiores e pequenos de catro días ateigados de presentacións, lectura e moita cultura con máis dunha trintena de actividades”.

O representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude puxo en valor o apoio da Xunta ao sector do libro, como considerou que así o demostran “os máis de 4,2M€ que o Goberno destinou a impulsar a creación literaria e promocionar os autores e autoras galegas no período 2022-2025, unha cantidade que medrou un 31 % nos últimos anos”.

Tal e como explicou Anxo M. Lorenzo, entre as propostas programadas para estes días atópanse conversas literarias, teatro, presentacións de novidades editoriais, sinaturas de libros por autores e autoras, contos e música. Ademais, destacou que se trata dunha iniciativa “eixe da campaña Para gustos, cultura, que este verán ofrece máis de 3.600 actividades culturais que se estenden por 200 concellos”.

Tras a apertura hoxe da feira na Praza de Conde Fontao, con pregón a cargo da escritora Abril Camino e a actuación musical do Cuarteto Xijie, a actividade continuará ata o domingo 23 en horario de 17,30 a 22,00 horas.

13 vilas e cidades de abril ata 29 agosto

Foz é a duodécima das 13 citas co libro e a lectura que teñen os galegos e galegas en diferentes vilas e cidades das catro provincias, tras a celebración das feiras en Ferrol, Santiago de Compostela, Lugo, O Porriño, Redondela, Ourense, Vigo, Ponteareas, Rianxo A Coruña e Viveiro. O circuíto rematará en Monforte de Lemos, onde se celebrará a feira entre os días 26 ao 29 de agosto.

Data de actualización: 20/08/2026