Villaverde destaca a Festa do Mar de Combarro como un escaparate excepcional para a gastronomía e a cultura mariñeira de Galicia
A conselleira do Mar puxo en valor a capacidade deste evento para proxectar a identidade mariñeira da vila, promover o consumo de produtos pesqueiros de proximidade e dinamizar a economía local
Poio (Pontevedra), 20 de agosto de 2026
A conselleira do Mar, Marta Villaverde, participou no acto de inauguración da Festa do Mar de Combarro xunto ao alcalde de Poio, Ángel Moldes. Durante a súa intervención, a responsable autonómica puxo en valor a capacidade deste evento para proxectar a identidade mariñeira da vila, promover o consumo de produtos pesqueiros de proximidade e dinamizar a economía local.
Villaverde, acompañada polo secretario xeral da Lingua, Valentín García, sinalou a Combarro como un enclave privilexiado para esta celebración grazas ao seu patrimonio histórico e á súa tradición vencellada á pesca artesanal. A conselleira destacou o traballo conxunto entre a administración local, a veciñanza e os profesionais do mar e da hostalaría para consolidar un programa que une gastronomía, divulgación cultural e actividades náuticas.
"Esta festa é un referente para a posta en valor da nosa identidade mariñeira, o recoñecemento ao oficio dos profesionais do mar e a promoción duns produtos de máxima calidade e frescura", afirmou a titular de Mar durante a apertura oficial. Así mesmo, incidiu na relevancia de achegar a cultura marítima e os hábitos de consumo saudables á mocidade para asegurar a remuda xeracional no sector.
Gastronomía, patrimonio e tradición
A Consellería do Mar colabora nesta edición co Concello de Poio na divulgación e desenvolvemento das degustacións de peixe e marisco, que se complementan coa oferta gastronómica dos locais hostaleiros da localidade.
A programación inclúe a Carpa-Museo, un espazo divulgativo aberto ao público con maquetas navais, imaxes históricas do Ateneo Corredoira e mostras coordinadas polo Museo do Mar de Galicia, o Centro de Formación A Aixola e Culturmar. Ademais, este ano realízase a trixésima edición do Encontro de Embarcacións Tradicionais que reunirá, ao longo de catro xornadas, regatas e navegacións en colaboración co Club Mariño A Reiboa.