Villaverde pón en valor Gastromar Ribeira como exemplo de innovación culinaria e promoción dos nosos produtos do mar
A Xunta apoia a cita coa patronal local e a Asociación Praza de Abastos para impulsar demostracións culinarias, showcookings e obradoiros divulgativos
Ribeira (A Coruña), 20 de agosto de 2026
A conselleira do Mar, Marta Villaverde, participou esta tarde no acto de apertura da V edición da Feira Gastronómica Gastromar, de Ribeira. Durante a inauguración, a responsable autonómica destacou a consolidación desta cita como un exemplo de innovación culinaria e de exaltación da calidade e frescura dos produtos do mar descargados pola frota local, así como para a dinamización económica e turística do municipio.
Villaverde subliñou o papel estratéxico de Ribeira como un dos portos pesqueiros máis importantes de Galicia e destacou o labor conxunto de mariñeiros, confrarías, peixeiros, praceiros e hostaleiros para achegar o mellor do litoral á mesa.
"Estes alimentos representan unha das maiores riquezas de Galicia, un privilexio cotián e un atractivo excepcional para os nosos visitantes, reflectindo á perfección os valores de Galicia Calidade e da nosa dieta atlántica", sinalou a conselleira. Así mesmo, fixo fincapé no valor de iniciativas que "combinan o importante legado da Galicia mariñeira coa nova realidade da Galicia Azul, apostando pola innovación, a sustentabilidade e a remuda xeracional".
A Consellería do Mar renova o seu respaldo a Gastromar co apoio á Asociación de Empresarios de Ribeira e á Asociación Praza de Abastos. Esta colaboración contribúe a que a feira conte cunha ampla infraestrutura que inclúe unha foodtruck para cociña en vivo, un expositor de produto fresco da ría, espazos para degustacións e obradoiros de educación ambiental dirixidos a achegar o medio mariño aos máis novos.
A cita gastronómica prolongarase ata o vindeiro domingo, con quendas de mañá e noite, ofrecendo elaboracións tradicionais e propostas innovadoras baseadas en especies de proximidade como o lirio, a sardiña, o peixe espada, o polbo, as ameixas, as navallas ou o camarón.