A Xunta congregou este verán 15.000 persoas ao redor dos concertos gratuítos de ‘Atardecer no Gaiás’
Esta edición do ciclo da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude na Cidade da Cultura eríxese como a segunda máis multitudinaria dos seus 16 anos de celebración
Das 12 actuacións, 9Louro foi a de maior afluencia, seguida do ‘Atardecer Fest’ con Silee, Santa Salut e Israel B, así como Carlangas, Bala e Galician Army
Eríxese como a segunda edición máis multitudinaria
A iniciativa forma parte da campaña do Goberno galego ‘Para gustos, cultura’ que este verán desenvolve máis de 3.600 actividades en 200 municipios galegos
Santiago de Compostela, 22 de agosto de 2026
A Xunta de Galicia reuniu preto de 15.000 persoas nos doce concertos ao aire libre de Atardecer no Gaiás, que se celebraron entre os meses de xullo e agosto. Cun cartel de 14 artistas, erixiuse como a segunda edición máis multitudinaria deste ciclo de música gratuíto, que se celebra desde hai 16 anos na Cidade da Cultura e procura ser escaparate das tendencias actuais.
A actuación de 9Louro, o xoves 9 de xullo, foi a que tivo maior afluencia, cunhas 5.000 persoas que encheron a Praza central do Gaiás para escoitar este referente da música urbana en galego. A popularidade do xénero quedou patente tamén nos 2.300 asistentes que trouxo o Atardecer Fest, o 13 de agosto, nunha xornada protagonizada polo rap de Santa Salut e Israel B xunto a Silee, artista emerxente de Bueu que mestura este xénero co trap e con ritmos latinos e tradicionais.
Carlangas, quen inaugurou o ciclo o 2 de xullo, e o dúo de stoner rock Bala foron outros dos concertos que congregaron máis público, así como a sesión de electrónica en directo coa que Galician Army puxo a banda sonora a eclipse de sol da tarde do 12 de agosto.
Plataforma para o talento novo
Polo escenario de Atardecer no Gaiás pasaron tamén promesas da música galega como Marrit, primeiro premio Xuventude Crea 2025, na modalidade de Música, ou Dogo, gañadores o ano pasado do concurso Sonidos Mans Salas para bandas emerxentes.
O novo tradi estivo representado polos Unto Vello e polo trío Maricarme, propostas caracterizadas por recoller melodías do folclore e actualizalas a partir de novos arranxos e instrumentación contemporánea. Nesta mesma liña de experimentación, a partir da canción tradicional, encadrouse o concerto de Sheila Patricia.
Letras afiadas e punk rock desenfadado marcaron a actuación doutra banda emerxente na escena galega, Lisdexia, coa que se deu peche os concertos de xullo de Atardecer no Gaiás. Finalmente, o ritmo do último concerto desta décimo sexta edición do ciclo púxoo, o 14 de agosto, Turista Sueca, con temas de electropop para bailar e crítica social cargada de humor.
Atardecer no Gaiás é unha das máis de 3.600 propostas impulsadas polo Goberno galego dentro da campaña de verán Para gustos, cultura, que leva actividades de música, artes escénicas e exposicións a máis de 200 localidades galegas.