O evento deportivo alcanza este ano a súa 39 edición

A Xunta reforza a súa aposta polo Abanca Pantin Classic Galicia surf como escaparate internacional do destino nos eidos turístico e deportivo

O director de Turismo de Galicia, o secretario xeral do Deporte e a delegada territorial da Xunta en Ferrol participaron esta mañá na presentación da competición que reunirá do 22 ao 30 de agosto no areal de Valdoviño ao máis destacado do surf internacional

Valdoviño (A Coruña), 21 de agosto de 2026

A praia de Pantín, en Valdoviño, acolle un ano máis o evento deportivo Abanca Pantín Classic Galicia Pro, que se desenvolverá do 22 ao 30 de agosto cunha programación na que as probas deportivas se alternan con música, gastronomía e outras actividades.

Á presentación do evento asistiron o director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, o secretario xeral para o Deporte, Roberto García, e a delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros.

O director de Turismo de Galicia destacou a aposta consolidada da Xunta de Galicia pola competición, que en 2026 chega á súa 39 edición coa novidade de acoller a nova categoría QS 6000 International, un nivel que só comparten cinco probas en todo o planeta: Pantín, Matosinhos (Portugal), Saquarema (Brasil), Cloud9 (Filipinas) e Jinzun Harbor (Taiwán).

Xosé Merelles incidiu no carácter propio e accesible da proba, que inclúe dúas xornadas dedicadas ao surf adaptado, un dos sinais de identidade do evento. Ademais, celebrarase unha competición de skate, así como o Pantín Sound, que levará actuacións musicais durante varias xornadas.

O director de Turismo de Galicia incidiu na importancia deste tipo de eventos para “redefinir novos produtos turísticos asociados ao territorio, poñendo o foco non só na práctica deportiva, senón tamén na internacionalización do destino, na súa singularidade, e na sostibilidade e respecto polo medio ambiente”.

Destino inigualable para a práctica deportiva

“Galicia constitúe un destino inigualable para a práctica deportiva e para o turismo náutico e de natureza”, abundou. Ademais, sobre a relevancia do surf en Galicia, lembrou que a comunidade é o único territorio que conta con tres probas da World Surf League: a Abanca Pantín Classic, a Gadis Surf Festival Ferrol e a Junior Pro Razo, todas co apoio da Xunta.

“Desde Turismo de Galicia estase a promover o turismo deportivo como unha das áreas con maior potencial de creación de fluxos turísticos, tanto na súa vertente náutica como noutras modalidades”, concluíu.

Pola súa parte, o secretario xeral para o Deporte destacou a combinación de excelencia deportiva, proxección internacional e inclusión,  “facendo do deporte unha ferramenta de participación, integración e igualdade de oportunidades”. Tamén salientou a consolidación desta competición no calendario internacional ao tratarse dun evento de alto nivel internacional, “que reúne deportistas de primeiro nivel e que ofrece aos surfistas a oportunidade de sumar puntos moi importantes no seu camiño cara ás categorías superiores da competición internacional”.

Para Roberto García, isto demostra que Galicia “non só ten unhas condicións naturais excepcionais para a práctica do surf, senón tamén a capacidade organizativa, deportiva e institucional necesaria para acoller competicións de máxima relevancia”. Respecto ao espazo específico para o deporte adaptado incidiu en que supón “unha magnífica maneira de demostrar que o deporte debe estar aberto a todas as persoas e que o talento, a capacidade de superación e o espírito competitivo non entenden de barreiras”.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 21/08/2026