A Xunta e a Confraría de Arcade avanzan na recuperación da ostra plana autóctona cunha nova entrega de máis de 100.000 exemplares

A iniciativa desenvólvese no marco do proxecto científico 'Ostreares' para rexenerar a biodiversidade e os bancos históricos deste bivalvo na enseada de San Simón

Soutomaior (Pontevedra), 21 de agosto de 2026

A Consellería do Mar e a Confraría de Pescadores de Arcade suman un novo fito no proceso de rexeneración dos areais da enseada de San Simón coa entrega e colocación de 103.500 unidades de semente de ostra plana europea (Ostrea edulis). Esta actuación dá continuidade aos labores de restauración biolóxica impulsados co apoio da Xunta para restablecer as poboacións dun recurso autóctono de alto valor comercial e histórico para o sector marisqueiro da ría de Vigo.

A semente subministrada procede do criadeiro do Centro de Investigacións Mariñas de Galicia (CIMA) en Ribadeo, onde os exemplares son producidos baixo control biolóxico. Ao igual que nas anteriores fases do proxecto, o lote destínase a estruturas de cultivo e preengorde que son xestionadas directamente polo colectivo de mariscadoras a pé da confraría, optimizando o crecemento do molusco, a súa alimentación con fitoplancto e a súa protección fronte a depredadores do fondo mariño.

Esta entrega enmárcase no proxecto científico Ostreares (2024-2027), no marco da rede Redemar e cofinanciado polo Fondo Europeo Marítimo, de Pesca, e de Acuicultura (FEMPA), que combina a investigación aplicada dos centros científicos coa custodia e traballo diario dos pósitos sobre o terreo.

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Mar
Data de actualización: 21/08/2026