A Xunta apoia a campaña ‘Saborear o cerco con peixe de Acerga’ para poñer en valor a diversidade e calidade dos produtos da frota galega
A iniciativa busca promover o consumo tanto das especies máis coñecidas como doutras menos habituais, con grandes posibilidades nutricionais e gastronómicas
Sada (A Coruña), 21 de agosto de 2026
A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Ángeles V. Suárez, participou na lonxa de Sada na presentación da campaña Saborear o cerco con peixe de Acerga, unha iniciativa da Organización de Produtores de Pesca de Cerco de Galicia (OPP-82 Acerga) que busca poñer en valor a diversidade dos produtos capturados pola frota de cerco, promover o seu consumo e dar a coñecer as súas posibilidades gastronómicas.
A flota de cerco galega captura máis de 50 especies diferentes, o que pon de manifesto a diversidade dos produtos que chegan ás lonxas galegas. A campaña pretende achegar á cidadanía tanto especies amplamente coñecidas, como a sardiña, o xurelo ou a xarda, como outras menos habituais no consumo diario pero que presentan importantes calidades nutricionais e gastronómicas, entre elas a boga, a agulla, o sargo ou a chopa, contribuíndo así a ampliar o coñecemento e as posibilidades de consumo dos produtos da pesca galega.
A iniciativa pon tamén o foco no valor nutricional destas especies, ricas en proteínas de alta calidade e ácidos graxos omega-3, así como na súa versatilidade na cociña. A través de elaboracións tradicionais e propostas máis innovadoras, Saborear o cerco con peixe de Acerga pretende fomentar o consumo interno e poñer en valor un produto fresco, de proximidade e estreitamente ligado á tradición mariñeira de Galicia.
Durante a presentación, a directora xeral salientou que a pesca de cerco constitúe “unha das artes máis representativas da nosa tradición mariñeira”, e destacou a importancia de que a sociedade coñeza as propiedades dos produtos obtidos mediante esta modalidade de pesca.
Xerar valor engadido no sector
Ángeles V. Suárez puxo en valor o traballo desenvolvido por Acerga e a importancia da colaboración entre o sector e a Administración para impulsar iniciativas de promoción e valorización dos produtos do mar. “Este tipo de iniciativas son, sen dúbida, un exemplo de como o traballo conxunto entre os produtores e a Administración pode xerar valor engadido para todo o sector”, sinalou.
A responsable autonómica reiterou a compromiso da Consellería do Mar coa modernización, a sustentabilidade e a promoción da frota de cerco galega, así como coas familias mariñeiras que, xeración tras xeración, manteñen viva esta actividade e contribúen á vertebración social e económica do litoral.