A Xunta comeza o traslado da tecnoloxía e equipamento ao centro de saúde de Conxo para iniciar o vindeiro luns a actividade nas instalacións renovadas

O traslado iniciouse unha vez finalizadas as consultas deste venres, co obxectivo de non interromper a actividade asistencial, e continuará ao longo da fin de semana

A reforma integral do centro, cun investimento de máis de 5,5 M€, duplica o espazo asistencial ata preto dos 1.000 m2

Tras a súa renovación, o centro incorpora novas consultas e servizos

Santiago de Compostela, 21 de agosto de 2026

A Xunta de Galicia inicia hoxe o traslado da tecnoloxía e equipamento ás instalacións renovadas do centro de saúde de Conxo, onde os profesionais desenvolverán a actividade asistencial a partir do vindeiro luns, 24 de agosto.

O Servizo Galego de Saúde iniciou o traslado unha vez finalizada a actividade asistencial deste venres. Ao longo da fin de semana quedará instalado todo o equipamento necesario para que os profesionais sanitarios e non sanitarios poidan iniciar a atención aos pacientes o luns pola mañá con normalidade.

Unha empresa especializada en loxística sanitaria é a encargada de trasladar a tecnoloxía clínica do centro, entre a que se inclúen equipos como o retinógrafo, o ecógrafo ou o electrocardiógrafo ou o MESI —dispositivo portátil de medicións clínicas—.

Pola súa banda, os profesionais de mantemento e da Subdirección de Sistemas e Tecnoloxías da Información da área sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza encargaranse da instalación do equipamento informático e dos sistemas de comunicacións.

Durante os próximos días, o acceso ao centro realizarase provisionalmente por unha entrada lateral. Esta medida é necesaria para poder retirar os módulos prefabricados instalados para prestar a asistencia durante o período das obras e completar o acondicionamento da nova entrada principal, redefinida coa reforma integral do edificio.

Unha reforma integral que duplica o espazo asistencial

As obras do centro de saúde de Conxo remataron o pasado mes de xullo, cun investimento da Xunta de máis de 5,5 millóns de euros. Esta obra está cofinanciada con fondos europeos do programa operativo FEDER Galicia 2021-2027.

A intervención duplicou o espazo asistencial dispoñible, que pasa de 400 a preto de 1.000 metros cadrados útiles, e permitirá ofrecer novos servizos e espazos máis amplos aos máis de 5.000 veciños e veciñas adscritos ao centro. En particular, créase unha nova unidade de saúde bucodental.

A actuación tamén permitiu renovar as dúas unidades de saúde mental do centro, que prestan atención de referencia a preto de 150.000 persoas de Santiago de Compostela e dos concellos da súa contorna.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 21/08/2026