As iniciativas están destinadas á promoción e dinamización do Xacobeo 2027

O programa ‘O teu Xacobeo’ espalla por toda Galicia 300 accións culturais, deportivas e sociais neste ano 2026

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución da convocatoria da iniciativa que financia 55 proxectos con 1M€

Recoñécense 38 proxectos na liña 1, para empresas e persoas autónomas, e 17 na liña 2, para entidades sen ánimos de lucro

Para os proxectos que se realicen en 2027, o prazo de presentación estará aberto do 1 ao 31 de outubro

Santiago de Compostela, 25 de agosto 2026

O Diario Oficial de Galicia recolle este martes a resolución pola que se dá publicidade ás axudas concedidas no marco da convocatoria de 2026 do programa ‘O teu Xacobeo’. En total, destinarase case 1M€ a 55 proxectos, co que se favorecerá a realización de case 300 eventos por todo o territorio.

En concreto, segundo se recolle no DOG, recoñecéronse 38 proxectos na liña 1 da convocatoria -destinada a persoas físicas e xurídicas- e outros 17 proxectos foron recoñecidos dentro da liña 2, a centrada en entidades públicas ou privadas sen ánimo de lucro. O importe máximo da axuda concedida en cada unha das liñas é de 25.000 euros.

O programa O Teu Xacobeo, impulsado por Turismo de Galicia, vense realizando desde o ano 2018 para difundir os valores do Camiño de Santiago entre a cidadanía e as organizacións galegas a través de iniciativas culturais, sociais, deportivas e patrimoniais vinculadas ao Ano Santo. O programa pon o foco na inclusividade, chegando a públicos vulnerables, persoas maiores e novas, e no fomento da igualdade e da accesibilidade.

Entre as propostas que se desenvolverán ao longo deste 2026 hai arredor de 300 accións, que chegarán especialmente a poboacións de menos de 5.000 habitantes que forman parte da ruta xacobea. Haberá, entre outras, iniciativas musicais, como os festivais ‘PeDRa’, ‘Galerock no Camiño’, ou ‘A Costa da Vida’ que se desenvolverá en poboacións da Costa da Morte, ‘Festival Pal’Sur’ ou o ‘Festivaliño on the road’.

Tamén hai iniciativas centradas na gastronomía, como ‘Credencial Gastro’, para identificar produtos galegos con calidade certificada e rexistralos na súa credencial; ou ‘A Lacena Pequena’ que constrúe un espazo nun contedor marítimo para visibilizar o valor emerxente da gastronomía galega.

Nun aspecto máis deportivo, están iniciativas como ‘O Teu Camiño’, con actividades de sendeirismo, surf e náutica ao redor do Camiño Portugués pola Costa; ou dúas medias maratóns, unha que terá lugar en Pontevedra o 19 de setembro e outra que percorrerá a comarca de Monterrei o 27 de setembro. Tamén con carácter deportivo pero sen finalidade competitiva atópanse ‘II Travesía barca de pedra’, na que mulleres superviventes de cancro de mama navegarán na ría de Arousa en barcos de dragón; ou ‘O Camiño Azul’, unha ruta xacobea no mar de Arousa con embarcacións tradicionais.

Outras propostas poñen o foco na inclusividade, como ‘Camiño de lembranzas’, enfocado a persoas con demencia; ‘Evocamiño’ que, propón experiencias inmersivas e de realidade virtual pensadas para aqueles que non poden facer o Camiño, ben por idade, ben por deterioro cognitivo; ‘MIP Natura: Músicas Inclusivas e Participativas’, tamén favorece a participación de persoas con discapacidade, maiores e familias; e ‘Aínda estamos de festa: o Xacobeo dos veteráns’ que ofrece espectáculos en residencias e centros de maiores.

Ademais, haberá iniciativas expositivas, audiovisuais ou inmersivas, como a mostra itinerante ‘Hospitalidade monástica’; ‘Experiencias culturais inmersivas no Camiño de Santiago’, con vinte experiencias en cinco municipios do Camiño; ou ‘Ceo no Camiño’, centrado no turismo astronómico.

Os proxectos subvencionados inclúen tamén xogos, como o proxecto ‘Camiños de Ciencia: A ameaza invisible’, para sensibilizar sobre os retos ambientais e científicos vinculados ao Camiño; ou ‘Saint Jacques’, unha interpretación do Camiño Francés, inspirado no xogo da Oca.

A convocatoria de ‘O Teu Xacobeo’ ábrese de novo o 1 de outubro para aqueles proxectos que se leven a cabo en 2027. Os profesionais, as Pemes e as entidades sen ánimo de lucro que desexen presentar a súas iniciativas terán ata o 31 do mesmo mes para facelo. Turismo de Galicia destina 2M€ aos proxectos que se realicen o vindeiro ano.

Data de actualización: 25/08/2026