A conselleira do Medio Rural visitou as instalacións do Centro Tecnolóxico da Carne (CTC)
María José Gómez salienta o potencial innovador do sector cárnico galego e a súa capacidade para adaptarse ás demandas das persoas consumidoras
Comprobou os avances de diferentes proxectos de investigación e desenvolvemento impulsados pola Consellería centrados en optimizar produtos cárnicos a partir de pezas de Ternera Gallega Suprema de produción ecolóxica
Destacou que este centro dispón de laboratorios especializados e dunha planta piloto que lle permite desenvolver, testar e analizar novos produtos e procesos adaptados ás novas necesidades do mercado e ás demandas dos consumidores
Reafirmou o compromiso do seu departamento e da Xunta en xeral para seguir potenciando a investigación e a innovación no ámbito agroalimentario
San Cibrao das Viñas (Ourense), 26 de agosto de 2026
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, destacou hoxe o potencial innovador que presenta o sector cárnico galego, con capacidade para adaptarse ás demandas das persoas consumidoras. Salientouno nunha visita ás instalacións do Centro Tecnolóxico da Carne (CTC), na que comprobou os avances de diferentes proxectos de investigación e desenvolvemento impulsados pola propia Consellería, e na que estivo acompañada polo director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte, e polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo.
Neste sentido, cómpre salientar a importancia do sector cárnico de vacún galego, que ten un importante peso dentro da industria agroalimentaria da comunidade, cunha facturación superior aos 1.400 millóns de euros anuais e unha produción dunhas 94.000 toneladas.
En relación cos proxectos desenvolvidos polo CTC, trátase de dúas iniciativas que se están a levar a cabo para desenvolver produtos cárnicos de cuarta gama (carnes crúas envasadas ao baleiro ou en atmosferas controladas que están listas para cociñar) e de quinta gama (carnes xa preparadas para consumir) a partir de cortes de Ternera Gallega Suprema de produción ecolóxica.
Ambas teñen como principais obxectivos aproveitar mellor pezas de carne con menor demanda comercial, ofrecer novos produtos ás persoas consumidoras e facilitar a súa comercialización, respondendo á crecente necesidade de alimentos sostibles, de proximidade e con garantías de trazabilidade.
Así, un dos proxectos busca desenvolver e optimizar produtos cárnicos frescos como poden ser as burger meat sen glute ou hamburguesas e o outro céntrase en procurar pratos preparados como os callos con e sen garavanzos, albóndegas, salsa boloñesa e guiso de carne.
Novos produtos e procesos adaptados ao mercado
Neste marco, Gómez salientou que o CTC, adscrito á Consellería, dispón de laboratorios especializados e dunha planta piloto que lle permite desenvolver, testar e analizar novos produtos e procesos. Así, sobresaen os estudos que se realizan das características organolépticas da carne e a investigación e desenvolvemento de produtos de cuarta e quinta gama, adaptados ás novas necesidades do mercado e ás demandas das persoas consumidoras. Neste contexto, a conselleira reafirmou ademais o compromiso do seu departamento e da Xunta de Galicia en xeral para seguir potenciando a investigación e a innovación no ámbito agroalimentario.