A conselleira María José Gómez coñeceu hoxe en Cospeito varias destas actuacións

A Xunta inviste máis de 1 M€ na mellora de vías e camiños rurais na Terra Chá

Só a través do Plan Camiña Rural os oito municipios da comarca beneficiáronse dunha achega de case 733.000 euros para a construción e acondicionamento deste tipo de infraestruturas

Os demais fondos investíronse noutras actuacións en distintos concellos para a mellora de vías rurais, co fin de dar servizo a produtores

Na última convocatoria do Camiña Rural, correspondente ás anualidades 2026-2027, contémplase un investimento total de preto de 19 millóns de euros no conxunto de Galicia

Cospeito (Lugo), 22 de agosto de 2026

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, salientou hoxe o investimento de máis de 1 millón de euros feito pola Xunta no período 2025-2026 para mellorar as infraestruturas rurais da comarca lucense da Terra Chá. Fíxoo durante unha visita ao concello de Cospeito, onde coñeceu varias destas actuacións. Estes fondos da Consellería beneficiaron os oito concellos da comarca: Abadín, Begonte, Castro de Rei, Cospeito, Guitiriz, Muras, A Pastoriza e Vilalba.

Só a través do Plan Camiña Rural estes municipios recibiron unha achega de case 733.000 euros para a construción e acondicionamento deste tipo de infraestruturas. Os demais fondos investíronse noutras actuacións en distintos concellos para a mellora de vías rurais, co fin de dar servizo a produtores.

No caso concreto de Cospeito, o último Plan Camiña Rural posibilitou mellorar pistas e estradas en distintas localizacións (barrios e parroquias) do termo municipal: Roás, Xustás, Sisoi, Iglesia, Xermar, Gabín etc. Ademais, coa maquinaria da empresa pública Seaga, nestas semanas están a realizarse traballos de limpeza e acondicionamento de camiños rurais en distintos barrios de Xermar, así como da parroquia de Santa María de Cospeito e en Muimenta.

Segundo Gómez, estas accións son claves para a dinamización social e económica do agro, xa que vertebran o territorio. Por iso, amosou o compromiso da Xunta para seguir apostando pola colaboración institucional e por apoiar os concellos para mellorar as súas infraestruturas, “xa que este labor redunda en beneficio da mobilidade da veciñanza e facilita, tamén, dar saída aos produtos agroalimentarios”, remarcou.

Investimento de case 19 millóns de euros en Galicia

A conselleira explicou que do Plan Camiña Rural benefícianse todos os concellos galegos, e con el subvenciónase a ampliación ou mellora de camiños que formen parte da rede viaria de acceso a unha ou varias entidades de poboación. Na última convocatoria, correspondente ás anualidades 2026-2027, contémplase un investimento total de preto de 19 millóns de euros no conxunto de Galicia.

Asemade, Gómez lembrou que dende o ano 2016, tendo en conta tamén os traballos da convocatoria pasada, actuouse na nosa comunidade en case 6.700 camiños, cunha lonxitude total de arredor de 5.200 quilómetros e un importe de axudas de preto de 156 millóns de euros.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 22/08/2026