Medio Rural celebra en Ribeira un Mercado de Verán para poñer en valor a calidade diferenciada da produción agroalimentaria galega

A conselleira María José Gómez participou hoxe na inauguración deste mercado, que terá lugar ata o vindeiro domingo no Malecón ribeirense

En total, unha trintena de operadores están presentes nesta iniciativa que permite coñecer e degustar as súas elaboracións, peor tamén identificar os produtos coa súa orixe e co territorio que os fai singulares

Explicou que esta iniciativa, ao igual que o mercado que terá lugar a semana que vén en Viveiro, se enmarca dentro do Plan Saborea Galicia Calidade Diferenciada, dotado este ano con 10 millóns de euros

Ribeira (A Coruña), 21 de agosto de 2026

A Consellería do Medio Rural organiza esta fin de semana en Ribeira o primeiro dos Mercados de Verán cos que busca poñer en valor a calidade diferenciada da produción agroalimentaria galega. A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada polo director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte; e pola alcaldesa da localidade, Mariola Sampedro; participou hoxe na inauguración desta cita que contribúe a promocionar estes produtos.

Nela, salientou o bo facer das persoas produtoras, estreitamente vencelladas co rural, que co seu labor contribúen a manter a actividade económica destas contornas, ao mesmo tempo que se fixa poboación e se crean oportunidades de emprego. Neste sentido, destacou que neste Mercado de Verán de Ribeira participan unha trintena de profesionais que elaboran alimentos adheridos a algún dos distintivos recoñecidos en Galicia.

Gómez engadiu que o mercado, que se celebrará ata o vindeiro domingo no Malecón en horario de 11,00 a 15,00 horas e de 18,00 a 22,00 horas, permite coñecer e degustar as elaboracións destes produtores e tamén identificar os produtos coa súa orixe e co territorio que os fai singulares. Polo tanto, afirmou que o que se busca é favorecer unha relación máis directa entre produción e consumo, xa que aos operadores dáselles a oportunidade de presentar os seus propio produtos.

A conselleira explicou que esta iniciativa do Mercado de Verán, que a vindeira fin de semana terá unha segunda cita en Viveiro, enmárcase dentro do Plan Saborea Galicia Calidade Diferenciada, a través do cal se promocionan os distintos selos de calidade recoñecidos na nosa comunidade. Este plan conta neste 2026 cun orzamento de 10 millóns de euros, dous máis que no pasado ano.

Ampla programación de actividades

A maiores, a titular do departamento fixo fincapé na variada programación que se inclúe neste Mercado de Verán de Ribeira, con presentacións e degustacións de produtos que se mesturan con actuacións musicais.

Mañá, a programación incluirá De viños polo Mercado, cunha presentación e cata de viños singulares da IXP Terras do Navia e de produción ecolóxica, ademais da proposta After Praia: Doces & Tintos da Ribeira Sacra. A xornada completarase coa animación musical de O Cego na Feira e coa actuación de Music Box. The Band.

O domingo, os produtos de calidade diferenciada volverán ser protagonistas con Café de Domingo con..., unha degustación de doces; unha nova sesión de De viños polo Mercado, neste caso con viños da DO Ribeiro e da DO Rías Baixas; e After Praia: Mesturas de verán, cunha degustación de cócteles elaborados con licores e augardentes tradicionais acompañados doutros petiscos de calidade diferenciada. Pulpiño Viascón e Loren Tevra completarán a programación musical da última xornada.

Data de actualización: 21/08/2026