A Xunta colabora coa ruta solidaria a favor de Raiolas que organizan a asociación de Amigos do Camiño e a Garda Civil

Alfonso Villares participou na presentación da terceira edición de ‘Xuntos e seguros, camiñamos’, que se celebrará o 20 de setembro polo Camiño Primitivo en Lugo

Lugo, 26 de agosto de 2026

A Xunta de Galicia renova o seu apoio á ruta solidaria ‘Xuntos e seguros, camiñamos’, organizada pola Asociación de Amigos do Camiño de Santiago da provincia de Lugo e a Garda Civil, que este ano acada a súa terceira edición. A iniciativa celebrarase o domingo 20 de setembro e destinará os fondos recadados a Raiolas, entidade que traballa a prol das persoas con trastorno do espectro autista e das súas familias.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Alfonso Villares, participou hoxe na presentación da ruta, nun acto que se celebrou na porta de San Pedro e no que tamén estiveron o presidente da Asociación Amigos do Camiño, Ángel Trabada; o tenente coronel da Garda Civil, Carlos Freire; a presidenta de Raiolas, Lucía Candal, e representantes de empresas colaboradoras.

A andaina discorrerá ao longo de 10 quilómetros do Camiño Primitivo ao seu paso polo concello de Lugo. O prazo de inscrición permanecerá aberto ata o 14 de setembro, cun prezo de dez euros. Ademais, as persoas que desexen colaborar coa causa pero que non vaian participar na ruta teñen a posibilidade de adquirir un Dorsal 0, por un importe de 7 euros.

Os participantes reuniranse ás 9,00 horas na praza de Bretaña, desde onde serán trasladados en autobús ata o punto de partida da andaina, en Bascuas. Desde alí comezará un percorrido a pé que rematará na praza Pío XII da capital.

O delegado territorial destacou a oportunidade que ofrece esta iniciativa de facer deporte e desfrutar da riqueza do Camiño Primitivo mentres se colabora cunha boa causa, e puxo en valor o compromiso dos organizadores e colaboradores coas entidades sociais da cidade.

‘Xuntos e seguros, camiñamos’ chega á terceira edición despois do éxito acadado nas dúas anteriores convocatorias, na que os fondos recadados se destinaron a Aspnais e Alume, respectivamente. Villares animou á cidadanía a sumarse a esta nova andaina e gozar dunha xornada de deporte, convivencia e solidariedade.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 26/08/2026