A Xunta destaca o crecemento e a traxectoria consolidada da feira ‘Mostrart’ na divulgación do selo artesanía de Galicia
O director xeral de Comercio e Consumo visitou hoxe a 42ª edición da feira ‘Mostrart’, impulsada pola Asociación Galega de Artesáns co apoio do Goberno galego e que permanecerá aberta ata o 30 de agosto nos xardíns de Méndez Núñez da Coruña
Gabriel Alén puxo en valor os 45 obradoiros de diferentes oficios que participan durante a segunda quincena deste mes na cita, que combina postos de venda directa, actividades e visitas guiadas a prol da difusión da artesanía entre a cidadanía
A Coruña, 26 de agosto de 2026
O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, visitou hoxe a 42ª edición da feira Mostrart, impulsada pola Asociación Galega de Artesáns co apoio da Xunta e que permanecerá aberta ata este domingo 30 de agosto nos xardíns de Méndez Núñez da Coruña. Alí, salientou o crecemento da cita e a súa traxectoria consolidada na difusión do selo Artesanía de Galicia, ao tempo que puxo en valor os 45 expositores que participan durante a segunda quincena do mes.
Mostrart está aberta ao público en horario de 11,00 a 14,00 e de 17,30 a 22,00 horas. Os obradoiros participantes representan oficios coma o coiro, o téxtil, a xoiería, a escultura, a arte floral, a cerámica, os xoguetes, a encadernación, a marroquinería, os instrumentos musicais, a madeira, o calzado, a cerería, o tecido, a estampaxe ou a bixutería.
En concreto, os obradoiros coa marca Artesanía de Galicia que se poden visitar son Montse Betanzos (O Grove), Hana No Boshi (Pontedeume), Mario López (Vigo), Las Flores de Greta (Gondomar), Taller Cruz (Vigo), Uxía Castro (Mos), Geli Fraga (Cambre), Cabuxa (Tui), Zimzelatum (Gondomar), Joyas de Papel (Nigrán), Chueco (A Coruña), Defilo (Cedeira), Enxógate (Quiroga), María Feijóo (Santiago de Compostela), Ardentia (Bergondo), Laia-Zapateiros (Melide), Otero Regal-Ceramista (Viveiro), Paz Navas (A Coruña), Sanín Percusión Tradicional (Santiago de Compostela), Sánchez-Cano Orfebres (Vigo), En Babia-Bronce (Redondela), Sacco (A Coruña), Manolo Cremallera (A Coruña), Liño de Galicia (Zas), Hiar Ecoprint (Salvaterra), Amorei (Soutomaior), Amor ó teu estampaxe (Ames), Santín (Cambre), Onda (A Coruña), Artesanos del Altillo (A Coruña), Tres Caracoles (Lugo), Artesanía NIA (Neda), Patapum (Quiroga), Como pez en el Agua (Vigo) e Xakarandá (Marín).
Tamén participan en Mostrart obradoiros de fóra de Galicia, coma La G (Almería), El taller de Ampi (Granada), Awa by Digna (Barcelona) e Astarté e Anka Bravo, ambos de Madrid.
A feira Mostrart compleméntase cunha programación de obradoiros de iniciación a diferentes oficios artesanais, gratuítos e abertos ao público, que se celebran de luns a xoves durante todo o mes de agosto, convertendo a feira nun lugar non só de comercialización de produtos artesanais senón tamén nun espazo de contacto e coñecemento dos procesos artesanais, de creación e de experimentación.
Tras a boa acollida da pasada edición, Mostrart volve ofrecer visitas guiadas gratuítas pola feira que se celebran todos os venres do mes de agosto en dous pases diarios ás 11,30 e ás 18,00 h., para as que é imprescindible inscrición previa.
Feiras Galega de Artesáns
A Fundación Artesanía de Galicia colabora de maneira habitual coas diferentes iniciativas impulsadas pola Asociación Galega de Artesáns. Entre elas, ademais de Mostrart, destaca o calendario de Feiras Galegas de Artesáns, promovido neste 2026 para achegar o produto artesán galego á cidadanía de diferentes localidades, consolidar a marca Artesanía de Galicia, contribuír á dinamización cultural, económica e turística de cada territorio e ofrecer aos artesáns espazos de venda directa de calidade en distintos puntos da comunidade.
Trátase de eventos dirixidos exclusivamente a obradoiros inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia, que se están a celebrar entre os meses de abril e setembro. O próximo mes están programadas citas en Ponteareas (5 e 6 de setembro) e en Lugo (12 e 13 de setembro).