Tras da súa aprobación previa polo Consello da Xunta

O DOG oficializa a declaración de tres novas festas de interese turístico de Galicia

A Romaría de Santa Minia en Brión, a Festa da Ameixa de Campelo en Poio e a Noite Meiga de Sarria únense ao catálogo de celebracións distinguidas da comunidade

Santiago de Compostela, 26 de agosto de 2026

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución pola que se declaran como festas de interese turístico de Galicia da Romaría de Santa Minia (en Brión, A Coruña), a Noite Meiga de Sarria, en Lugo, e a Festa da Ameixa de Campelo (Poio, Pontevedra).

Mediante esta publicación, faise oficial o acordo do Consello da Xunta do pasado 25 de maio, no que se decidía engadir estas celebracións ao catálogo de festividades recoñecidas pola súa singularidade. Ademais, a Xunta pon en valor o seu atractivo turístico, a antigüidade e continuidade no tempo das celebracións, así como o seu impacto cultural e arraigamento na comunidade.

Celebracións senlleiras

As festas recoñecidas hoxe levan varias décadas celebrándose. A máis antiga é a Romaría de Santa Minia, en Brión (A Coruña), que se vén desenvolvendo desde o ano 1848. Mestura celebracións relixiosas con actuacións musicais, gastronomía e unha programación complementaria con actividades socioculturais diversas. Chega a xuntar ata 50.000 visitantes.

A Noite Meiga de Sarria leva festexándose desde 1969 no último sábado de agosto para pechar o verán. Organizada pola asociación Meigas e Trasgos, esta cea-romaría ten como epicentro a danza da Noite Meiga, danza propia baseada nunha lenda do pobo que mestura a danza tradicional coa lírica, respectando a tradición e as lendas galegas.

A Festa da Ameixa de Campelo pon en valor a importante tradición marisqueira da localidade pontevedresa de Poio, que se remonta máis de 2.500 anos, ata a época castrexa. A celebración vense desenvolvendo desde o ano 1988 e constitúe xa unha parte esencial da identidade cultural e a idiosincrasia propia desta vila mariñeira.

Data de actualización: 26/08/2026