A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático visita as obras realizadas en colaboración cos veciños na aldea do Couto, en Ponteceso

A Xunta sinala o proxecto Couto Florido como exemplo dunha política ambiental útil que protexe a natureza, mellora a paisaxe e coida ás persoas e aldeas

Esta iniciativa é un exemplo de colaboración público-privada para revitalizar o rural en materia de paisaxe, flora autóctona e dinamización social

Ángeles Vázquez lembra que se trata da segunda edición do proxecto e destaca a implicación da veciñanza e dos voluntarios para coidar o lugar no que viven

O IET, xunto coa Fundación Eduardo Pondal, apoia este experiencia no marco da Estratexia Galega da Paisaxe 2030, da posta en valor do patrimonio cultural, natural e paisaxístico e da restauración ecolóxica con solucións baseadas na natureza

Ponteceso (A Coruña), 26 de agosto de 2026

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, sinala o Couto Florido como exemplo dunha política ambiental útil que protexe a natureza, mellora a paisaxe, coida as persoas e aposta pola vida e o futuro no rural.

Acompañada por diversas autoridades, a responsable autonómica participou hoxe na aldea do Couto nun percorrido por diferentes espazos do lugar para comprobar in situ os resultados das actuacións realizadas durante este mes de agosto a través da segunda edición da iniciativa de recuperación e dinamización do rural.

Ángeles Vázquez destacou que as actuacións ambientais, desenvolvidas coa participación da veciñanza deste lugar e das persoas voluntarias, serven para amosar ao resto de Galicia que revivir as zonas do rural é posible contando coas experiencias da xente. A conselleira apelou a sentir orgullo pola implicación cidadá e de distintas entidades para querer reunirse, coidar o lugar no que viven e desenvolver diferentes actividades paisaxísticas, culturais e sociais.

O proxecto Couto Florido conta coa participación do Instituto de Estudos do Territorio (IET), a través da achega de 18.000 euros, e da Fundación Eduardo Pondal, con sede na propia aldea. A implicación institucional da Xunta de Galicia enmárcase no desenvolvemento da Estratexia Galega da Paisaxe 2030, ademais da posta en valor do patrimonio cultural, natural e paisaxístico e da restauración ecolóxica con solucións baseadas na natureza. 

Para recuperar e mellorar a paisaxe da aldea do Couto, o proxecto impulsou a restauración ecolóxica e cultural do espazo público, implicando activamente á veciñanza no deseño e execución das intervencións. En concreto, a iniciativa aposta por un modelo sostible baseado en solucións naturais e culturais, reforzando a biodiversidade e a identidade local.

Intervencións do proxecto

A aldea do Couto recibe desde o 7 de agosto a ducias de veciños, nenos, nenas, voluntarios e persoas que veñen desde distintos puntos do país para colaborar nas intervencións que se levan a cabo nesta segunda edición da iniciativa.

Neste caso, os traballos consisten na colocación dunha lona ao carón da estrada para eliminar o impacto visual na aldea, no pintado exterior da Casa dos Veciños, no branqueado dos muros do cemiterio parroquial e no pintado de portais e portalóns de aceiro galvanizado en cores tradicionais.

A maiores disto, renóvanse as macetas de barro e xardineiras de madeira, elimínase o peche superior de arame dos muros da praza da aleda, recupéranse as placas artesanais de barro cocido dos bancos e plántanse máis de 300 árbores e plantas.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 26/08/2026