O programa 'Aloumiños' esténdese por catro concellos de Ferrolterra para combater a soidade non desexada

A delegada da Xunta en Ferrol visitou hoxe en Neda aos participantes dunha das actividades celebradas no marco deste programa do Sergas en colaboración co Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia

Neda (A Coruña), 27 de agosto de 2026

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, visitou, xunto á directora territorial da Consellería de Sanidade, Cristina Pérez,e ao alcalde de Neda, Ángel Alvariño, ás persoas que participaron hoxe na actividade grupal levada a cabo no marco do programa Aloumiños no municipio.

Aloumiños é unha iniciativa do Sergas en colaboración co Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia que ten o obxectivo de combater a soidade non desexada e reforzar o benestar emocional. Para isto, realízanse andainas saudables e actividades de dinamización social en grupo, ademais de charlas e obradoiros para abordar temas como o envellecemento activo e o recoñecemento das emocións asociadas á soidade. Con estes encontros, tamén se se busca fomentar as relacións veciñais coa fin de procurar o acompañamento.

Como explicou a delegada, neste programa teñen unha especial importancia os centros de saúde, “dende os que se busca detectar a persoas que estean pasando por unha situación de soidade non desexada e achegarlles información para que se podan beneficiar desta iniciativa”, apuntou.

O programa Aloumiños estase a realizar en 20 concellos galegos. No ámbito da Delegación, ademais de Neda, tamén acollen o programa As Somozas, Moeche e San Sadurniño.

O proxecto Aloumiños está aliñado cos obxectivos da Estratexia de Saúde Mental do Sistema Nacional de Saúde e coas accións promovidas desde a Subdirección Xeral de Atención á Saúde Mental da Consellería no obxectivo de promover cambios na percepción e as actitudes sociais que favorezan a integración e a participación social das persoas con problemas de saúde mental.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 27/08/2026