Un total de 61 cooperativas benefícianse dos 6 M€ das axudas de Medio Rural para uso de maquinaria agrícola en réxime asociativo
A conselleira María José Gómez puxo en valor estes apoios na súa visita á gandaría de leite Casal Vilar, situada no concello coruñés de Touro e que foi beneficiaria destas achegas
Sinalou que estas subvencións contribúen de xeito moi destacado a reducir os custos e a carga de traballo nas explotacións, incrementar a seguridade dos usuarios e favorecer o aforro e a eficiencia enerxética
Valorou tamén a importancia que teñen para o tecido asociativo do rural as cooperativas e as sociedades agrarias de transformación, que inciden na mellora da competitividade do sector primario en xeral e do lácteo en particular
Touro (A Coruña), 27 de agosto de 2026
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, puxo hoxe en valor as axudas do seu departamento para fomentar a utilización de maquinaria agrícola en réxime asociativo e lembrou que nas dúas últimas convocatorias destas achegas, realizadas en 2025, resultaron beneficiarias un total de 61 cooperativas e sociedades agrarias de transformación, cun importe conxunto de seis millóns de euros.
A conselleira, acompañada polo director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, e polo alcalde de Touro, Jesús Reboredo, realizou unha visita á gandaría de leite Casal Vilar, situada no concello coruñés de Touro e que foi beneficiaria destas achegas. Esta explotación é unha das de maior tamaño da Cooperativa de Utilización de Maquinaria Agricola (CUMA) Brandelos, que tamén recibiu apoio a través da devandita liña de axudas.
Así, esta CUMA beneficiouse de máis de 790.000 euros nos últimos anos ao abeiro destas subvencións que, tal e como explicou a conselleira, contribúen de xeito moi destacado a reducir os custos e a carga de traballo nas explotacións, incrementar a seguridade dos usuarios e favorecer o aforro e a eficiencia enerxética. Ademais, Gómez destacou que estas axudas poden chegar a financiar ata un 50 % dos custos da maquinaria, polo que teñen unha gran utilidade para os beneficiarios.
En particular, a CUMA Brandelos está conformada por nove explotacións que manexan máis de 730 hectáreas de superficie, contan con máis de 2.500 cabezas de gando e producen anualmente preto de 18 millóns de kilos de leite.
Importancia das cooperativas no rural
Neste sentido, a conselleira valorou tamén a importancia que teñen para o tecido asociativo do rural as cooperativas e as sociedades agrarias de transformación, que inciden -remarcou- na mellora da competitividade do sector primario en xeral e máis en concreto do lácteo. Por iso, sinalou que na Xunta “estamos comprometidos en apoiar estas entidades”, algo que se fai de diversas formas e entre elas unha das máis salientables son estas axudas.
Por outra parte, Gómez sinalou tamén nesta visita a relevancia que ten a incorporación das mulleres ao liderado de proxectos no agro galego, tendo en conta que esta cooperativa “é un verdadeiro exemplo” neste sentido, cun 60 % de mulleres socias. Asemade, reafirmou o compromiso da Xunta para seguir impulsando políticas con esta perspectiva, “para que cada vez sexan máis as mulleres nos postos de toma de decisións do noso rural”.