O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, acompañado pola delegada territorial da Xunta en Ferrol, inaugurou as obras nunha visita ao centro

Román Rodríguez destaca a ampliación do colexio As Mirandas de Ares como un fito para a comunidade educativa do concello

Cun orzamento de máis de 3 M€, a obra dá resposta á necesidade de espazos no que é o único centro da localidade, con máis de 400 alumnos desde Infantil ata 4º de ESO

Construíuse un novo volume que alberga seis aulas de Infantil cos seus aseos e outros servizos e habilitáronse aulas de Pedagoxía Terapéutica, Audición e Linguaxe e psicomotricidade

Ampliouse a biblioteca nun 50%, creouse un comedor na antiga vivenda do conserxe e incrementouse o espazo do patio, entre outras melloras

A Xunta de Galicia está a investir case 18 M€ na modernización e reforma dos centros educativos de Ferrolterra no marco do Plan de nova arquitectura pedagóxica

Ares (A Coruña), 28 de agosto de 2026

 O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, destacou hoxe a ampliación do Centro Público Integrado As Mirandas, en Ares, como un fito para a comunidade educativa deste concello. Nunha visita ao centro para inaugurar as obras, na que estivo acompañado pola delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, o titular do departamento educativo da Xunta explicou que a intervención, que contou cun investimento de máis de 3 M€, veu dar resposta á necesidade de espazos no que é o único centro educativo da localidade.

“Estamos a falar dun colexio con máis de 50 anos de historia que se converteu en centro integrado nos anos 90 e no que estudan máis de 400 alumnos desde Educación Infantil ata 4º de ESO” dixo o conselleiro. A este respecto sinalou que, malia que ao longo do tempo se realizaron varias ampliacións de espazos, “a que hoxe inauguramos é a obra que dá o impulso definitivo á modernización do centro, adaptándoo ás necesidades do ensino do século XXI”.

Non en balde, a obra incluíu non só o incremento de espazos para o colexio, senón tamén unha rehabilitación integral das instalacións xa existentes, a través da que se acadou unha redución de consumo e de emisións dun 80% de media. No que atinxe á ampliación, construíuse unha nova edificación de 853 m² conectada co colexio, que alberga seis aulas de Infantil con aseos e outros servizos, unhas aulas que ata o momento estaban distribuídas en diferentes espazos, o que supón unha mellora moi significativa.

Respecto da rehabilitación, comprendeu a mellora da envolvente do colexio, incluíndo o illamento térmico con sistema SATE de 1.578 m² de fachadas, a substitución da cuberta vella por unha nova de 1.175 m² de panel sándwich e a renovación de 83 fiestras e sete portas. No interior instaláronse 109 luminarias de alta eficiencia enerxética e 32 luces emerxencia e cambiouse a caldeira existente de gasóleo por outra de biomasa que dá servizo ao edificio de Primaria e á ampliación.

O programa da obra incluíu tamén melloras funcionais no colexio como a ampliación nun 50% do espazos da biblioteca, o acondicionamento de novos aseos para as aulas de Primaria, a habilitación de aulas de Pedagoxía Terapéutica, de Audición e Linguaxe e de psicomotrocidade e a reorganización de espazos para albergar a sala de profesores, aseos e local da ANPA. Ademais, ampliouse a zona de patio e converteuse a vivenda do conserxe nun comedor de 132 m².

Investimento de 18 M€ en Ferrolterra

A Xunta de Galicia está a investir case 18 M€ na modernización e reforma dos centros educativos de Ferrolterra no marco do Plan de nova arquitectura pedagóxica. De feito, este verán están en execución actuacións tan importantes como as rehabilitacións integrais do Centro Integrado de FP Leixa (1,8 M€) e do Instituto Sofía Casanova (1,3 M€), ambos en Ferrol, así como do Colexio A Gándara, de Narón (1,4 M€). Tamén case unha vintena de actuacións por importe de preto de 400.000 € no marco do Plan Ben_Estar, a través do que se realizan melloras e reparacións de mediana e pequena envergadura.

No que atinxe ás obras xa rematadas destacan as rehabilitacións integrais do Colexio Almirante Juan de Lángara y Huarte (1,4 M€) e do Instituto de Catabois (761.000 €), tamén en Ferrol.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 28/08/2026