Medio Rural achega á cidadanía a calidade diferenciada dos produtos agroalimentarios galegos cun novo mercado de verán en Viveiro

María José Gómez asistiu hoxe a esta iniciativa que se celebra esta fin de semana na localidade lucense, onde reafirmou a aposta da Xunta por levar as elaboracións gastronómicas directamente a os espazos nos que se atopan as persoas consumidoras 

A conselleira explicou que o obxectivo é configurar unha experiencia que ofreza a oportunidade de coñecer e degustar estas elaboracións, ao tempo que a poboación aprende a identificar os produtos co territorio no que se orixinan

Estes espazos contribúen a favorecer unha relación directa entre produción e consumo; xa que a presenza das persoas operadoras dálles a oportunidade de presentar os produtos

Ao igual que o Mercado de Verán celebrado a semana pasada en Ribeira, o de Viveiro conta coa presenza dunha trintena de operadores e un programa de actividades con degustacións, presentacións e música en directo

Viveiro (Lugo), 28 de agosto de 2026

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada polo director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte, asistiu hoxe ao Mercado de Verán que se celebra esta fin de semana en Viveiro. Alí, reafirmou a aposta do Goberno autonómico por achegar á cidadanía a calidade diferenciada da produción agroalimentaria galega, levándoa directamente aos lugares nos que se atopan as persoas consumidoras.

Neste sentido, explicou que o obxectivo desta iniciativa é configurar estes mercados como unha experiencia que ofreza a oportunidade de coñecer e degustar estas elaboracións, ao tempo que a cidadanía aprende a identificar os produtos co territorio no que se orixinan que, asegurou, os fai singulares. 

A maiores, incidiu en que estes espazos contribúen a favorecer unha relación directa entre produción e consumo; xa que a presenza das persoas operadoras dálles a oportunidade de presentar os produtos, explicando a súa elaboración e as características que os fan únicos. 

Gómez salientou que este tipo de iniciativas procuran tamén poñer en valor os diferentes indicativos de calidade existentes en Galicia, conformados por un total de 36 denominacións de orixe e indicacións xeográficas protexidas, aos que cómpre engadir o distintivo de produción ecolóxica e o selo de Artesanía Alimentaria.

Ao tempo, recoñécese o bo facer das persoas produtoras, radicadas maioritariamente en contornas rurais, que co seu labor contribúen a manter a actividade económica, a fixar poboación e a crear oportunidades de emprego nestas zonas.

Unha trintena de produtores e unha ampla programación

Ao igual que o Mercado de Verán celebrado a semana pasada en Ribeira, o de Viveiro conta coa presenza dunha trintena de operadores que elaboran alimentos adheridos a algún distintivo de calidade. A oferta é ampla e variada, e representa a versatilidade da produción agroalimentaria galega. 

Esta iniciativa aposta tamén pola divulgación, polo que hai un completo programa de actividades para dar a coñecer estas elaboracións e que inclúe presentacións, degustacións de produtos e música en directo. 

Para mañá, día 29, hai preparada unha sesión de tapeo ecolóxico con viño da DO Rías Baixas e petiscos da horta; así como un after praia de doces e tintos da DO Ribeira Sacra. O Mercado de Verán remata o día 30 e arranca cun café de domingo con petiscos de calidade, para posteriormente contar cunha presentación e cata de viños singular e rematar con petiscos. 

Data de actualización: 28/08/2026