A Xunta apoia con 38.400 euros o acondicionamento do lavadoiro da Ponte Labrada, en Viveiro

O delegado territorial de Lugo, Alfonso Villares, explica que o Goberno galego financia o 80% das obras a través dun convenio co Concello

Viveiro (Lugo), 31 de agosto de 2026

A Xunta apoia cun investimento de 38.400 euros a actuación de conservación e mantemento do lavadoiro da Ponte Labrada, no municipio de Viveiro.

O delegado territorial de Lugo, Alfonso Villares, acompañado da alcaldesa de Viveiro, Mariña Gueimunde, visitou a zona, onde explicou que a Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, financia o 80% das obras a través dun convenio co Concello.

A intervención ten como finalidade revalorizar este espazo público e recuperar un elemento con valor etnográfico para uso sociocultural, ademais de contribuír a preservar a historia, a tradición e a identidade local. 

Así mesmo, os traballos favorecen a mellora ambiental e paisaxística da contorna e axudan a reforzar a oferta turística do municipio, xa que permiten incorporar este lugar ás rutas de turismo de Viveiro.

Villares subliñou a aposta da Xunta por cooperar cos concellos no impulso de proxectos que dinamicen os municipios da provincia de Lugo e melloren a calidade de vida da cidadanía.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 31/08/2026