Villaverde salienta en Artesa o respaldo da Xunta á modernización e competitividade da cadea mar-industria galega

A Consellería do Mar destinou desde 2016 preto de 800.000 € a actuacións para mellorar a capacidade produtiva, os equipamentos e a eficiencia enerxética da empresa

Barro (Pontevedra), 31 de agosto de 2026

A conselleira do Mar, Marta Villaverde, visitou as instalacións de Artesa Rías Baixas, no polígono industrial de Barro, onde puxo en valor o papel de empresas como esta na transformación e comercialización dos produtos da pesca artesanal galega, contribuíndo a incrementar o seu valor engadido e a xerar actividade económica e emprego no territorio.

Durante o percorrido, e acompañada pola xerente da empresa, Mar Ambroa, a titular de Mar destacou o apoio que a Xunta vén prestando ao crecemento e modernización de compañías deste sector. Desde 2016, a Consellería do Mar concedeu a Artesa Rías Baixas preto de 800.000 euros para actuacións destinadas á mellora das instalacións de frío, á adquisición de equipamentos de transporte, á posta en marcha da súa planta de transformación, envasado e expedición e, máis recentemente, á mellora da eficiencia enerxética dos procesos de produción e mobilidade.

Villaverde salientou que este respaldo responde á aposta do Goberno galego por favorecer a modernización e competitividade das empresas vinculadas á cadea mar-industria, impulsando investimentos que permitan mellorar o aproveitamento e comercialización dos produtos pesqueiros galegos e contribuír a que a riqueza xerada polos recursos do mar permaneza en Galicia.

Crecemento e consolidación da empresa

Artesa Rías Baixas, creada en 2007, opera baixo a marca Artesa Despensa Atlántica, cunha capacidade para procesar 3.000 quilos diarios. Entre os produtos que comercializa destacan a vieira galega, a navalla, as míllaras de ourizo, a volandeira, o polbo galego de inverno ou o bonito de Burela.

Villaverde destacou, neste sentido, a aposta da empresa pola calidade e a trazabilidade, xa que os seus produtos do mar contan co selo PescadeRías, de onde se non?, promovido pola Consellería do Mar para identificar os produtos procedentes da pesca artesanal, selectiva, sostible e responsable. A compañía conta ademais, desde 2025, coa marca de garantía Galicia Calidade.

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Mar
Data de actualización: 31/08/2026