A actuación enmárcase na mellora de 13 travesías urbanas de titularidade autonómica, nas que o Goberno galego inviste máis de 2,8 millóns de euros
O delegado da Xunta supervisa o estado das obras da rúa Bispo Lourenzo, na cidade de Ourense
Manuel Pardo explicou que as actuacións que se están a levar a cabo nesta rúa con respecto ó firme consisten nun fresado puntual e a súa reposición nas zonas máis deterioradas, para logo estender unha nova capa de rodadura cunha mestura bituminosa en quente en toda a rúa
Tamén se desenvolveron actuacións nas beirarrúas coa mellora da accesibilidade, colocando baldosas podotáctiles nos pasos de peóns, realizando operacións puntuais substituíndo plaquetas soltas ou rotas e bordos deteriorados
Igualmente, ampliáronse as beirarrúas en ambas marxes debaixo do paso superior e a beirarrúa no cruce coa rúa Mateo de Prado para mellorar a visibilidade do paso de peóns, dotando esta zona dun parterre vexetal
Ourense, 01 de setembro de 2026
O delegado da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, achegouse está mañá a rúa Bispo Lourenzo, na cidade de Ourense para, acompañado de técnicos da Axencia Galega de Infraestruturas, supervisar o estado das obras do asfaltado nesta rúa, enmarcadas no proxecto da Consellería Vivenda e Planificación de Infraestruturas para a mellora de 13 travesías urbanas de titularidade autonómica, nas que se inviste máis de 2,8 millóns de euros.
O delegado da Xunta explicou que as actuacións que se levaron a cabo nesta rúa con respecto ó firme consistiron nun fresado puntual e a súa reposición nas zonas máis deterioradas, para logo estender unha nova capa de rodadura cunha mestura bituminosa en quente en toda a rúa. Tamén engadiu, que posteriormente executarase as labores de pintado da sinalización horizontal.
Tamén se desenvolveron actuacións nas beirarrúas coa mellora da accesibilidade, colocando baldosas podotáctiles nos pasos de peóns, realizando operacións puntuais substituíndo plaquetas soltas ou rotas e bordos deteriorados. Así mesmo, executouse toda a beirarrúa nova na marxe esquerda da rúa en toda zona do aparcamento existente entre os edificios e a paso superior, incluíndo a recolocación e arranxo da varanda existente.
Igualmente, ampliáronse as beirarrúas en ambas marxes debaixo do paso superior e a beirarrúa no cruce coa rúa Mateo de Prado para mellorar a visibilidade do paso de peóns, dotando esta zona dun parterre vexetal. Ademais, creouse unha beirarrúa nova en formigón na marxe dereita dende o paso superior ata a glorieta da rúa Isaac Piñeiro.
Durante a visita, o representante autonómico resaltou que se tratan de actuacións encamiñadas a aumentar a seguridade e comodidade tanto dos peóns como dos condutores. Para iso, mellorarase a accesibilidade dos cruces e pasos de peóns con plaquetas podotáctiles, rebaixes onde sexa necesario ou a ampliación de beirarrúa para refuxio de pasos de peóns.
Para concluír, lembrou que dentro deste plan de mellora de infraestruturas da Xunta, están incluídas as rúas Río Arnoia, Progreso, Emilia Pardo Bazán, parte da rúa Velázquez, Bispo Lourenzo, Coruña, Peña Trevinca (na parte de titulariade autonómica), Seminario, Sáenz Díez, avenida Bos Aires, Isaac Piñeiro Varela e Pena do Vado, avenida de Ponferrada e Avenida de Zamora.