Os datos da Asociación Seopan apunta que a Xunta licitou obra en 2025 por 67,5M€, só por detrás das comunidades o País Vasco, Madrid e Canarias

Galicia sitúase á cabeza das comunidades autónomas con vivenda pública licitada, ocupando a cuarta posición

A licitación de vivenda do conxunto das administracións en Galicia foi de 108,9 M€, dos que 67,5M€ corresponderon á Xunta, 35M€ aos concellos e 6,4M€ ao Estado

A Xunta prevé licitar aproximadamente 500 M€ en 2026, dos que xa leva licitados case 350

Santiago de Compostela, 2 de setembro de 2026

A Xunta sitúase como cuarta Administración autonómica en vivenda pública licitada, tal e como recolle o informe da Asociación de Empresas Constructoras y Concesionarias de infraestructuras: Seopan.

Os datos do Observatorio de Vivienda y Suelo estatal, que teñen como fonte o Ministerio de Vivienda y Agenda Urbana, non coinciden cos publicados por Seopan nin cos do Observatorio da Fundación Laboral da Construción. En concreto, o Observatorio estatal sitúa en 402M€  a licitación de obra de edificación en Galicia durante 2025, sen desagregar os diferentes tipos de obra de edificación aos que se refire esta contía.

Pola súa banda, os datos de Seopan elevan a 640 M€ a licitación de obra de edificación en Galicia en 2025 e, a diferenza do anterior indicador, si permiten diferenciar entre obra de vivenda e obra non residencial, especificando o tipo de actuación.

108 M€ de licitación de obra de vivenda en Galicia

Segundo os datos de Seopan, a licitación de obra de vivenda do conxunto das administracións públicas en Galicia ascendeu a 108,9 M€ en 2025.

A análise por administracións permite comprobar o diferente esforzo realizado por cada unha delas. Así, a Xunta licitou obra de vivenda por importe de 67,5 M€, os concellos galegos licitaron por importe de 35 M€, parte delas con axuda da Xunta; e o Estado licitou 6,4 M€ en obras referidas a vivenda en Galicia.

Estes 67,5 M€ licitados pola Xunta sitúan a Galicia no cuarto posto en esforzo inversor por comunidades autónomas, por detrás do País Vasco, Madrid e Canarias.

A Xunta continúa traballando e incrementando o seu esforzo investidor en materia de obra de vivenda pública durante este exercicio 2026, no que prevé licitar aproximadamente 500 M€, dos que xa leva licitados case 350 M€.

Data de actualización: 02/09/2026