O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP dá a benvida ás persoas que aprobaron as oposicións deste verán na quenda de ingreso libre

A Xunta renova o cadro docente coa incorporación de 1.012 novos funcionarios cunha idade media de 32 anos

Un total de 401 mestres de Infantil e Primaria, 573 profesores de Secundaria e 38 de sectores singulares da FP incorporáronse este martes a centros de 194 concellos

Román Rodríguez destaca as medidas impulsadas en materia de redución de ratios ou reorganización horaria, que permiten reforzar ao profesorado como piar do sistema

Lembra que tamén se vai poñer en marcha a Oficina de Apoio ao Profesorado para o seu acompañamento, asesoramento e seguir reforzando a autoridade docente

Santiago de Compostela, 3 de setembro de 2026

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, dá a benvida aos 1.012 mestres e profesores que neste novo curso se incorporan ás aulas tras aprobar as oposicións. Fíxoo hoxe nun encontro celebrado na Cidade da Cultura de Galicia, no que participaron os 401 mestres de Educación Infantil e Primaria que superaron o proceso na quenda de ingreso. Mañá desenvolverase o acto para os 573 profesores de Ensino Secundario e os 38 de sectores singulares da FP que acadaron praza na quenda de ingreso libre.

Con este proceso a Xunta vén de dar un novo pulo á renovación do cadro docente do ensino público. Non en balde, as novas incorporacións teñen unha idade media de 32,4 anos. Están nos seus respectivos centros, repartidos en 194 concellos de Galicia, desde este martes 1 de setembro, tras aprobar as oposicións celebradas este verán na quenda de ingreso libre.

O titular do departamento educativo do Goberno galego felicitou aos asistentes “pola obtención de froitos tras un longo proceso de traballo e esforzo”. “O camiño ata chegar aquí non foi fácil, pero o voso compromiso xa quedou patente e estou seguro que, a partir deste momento, co voso traballo diario nas aulas, aínda o vai ser máis”, dixo.

Melloras estruturais

O conselleiro destacou que o ensino galego está a experimentar nos últimos anos “cambios profundos para afianzar os piares da educación do futuro”. “As novas ratios, as melloras salariais, a reorganización horaria e as novas medidas para reforzar a autoridade do profesorado van encamiñadas non só á mellora da calidade educativa, senón tamén a coidar ao puntal do sistema, que sodes vós, os docentes”. Así mesmo, sinalou que a Oficina de Apoio ao Profesorado porase en marcha de xeito inmediato e, a través dela, os docentes recibirán acompañamento e asesoramento en caso de recibir algunha ameaza ou agresión.

Román Rodríguez salientou tamén a firme aposta do Goberno galego pola estabilidade no emprego docente. “Desde 2009 levamos convocadas 21.698 prazas nas oposicións do ensino público galego e levamos dous anos esgotando o 120% da taxa de reposición, é dicir, convocando 120 prazas por cada 100 baixas”, sinalou. Isto contribúe tanto a reducir a porcentaxe de interinos, que está moi por debaixo da media estatal, como a renovar e rexuvenecer o profesorado galego.

Especialidades e perfil dos novos docentes

Dos 1.012 docentes que se estrean como funcionarios en prácticas, os que se incorporan ao corpo de mestres fano en oito especialidades; os do corpo de profesores de Ensino Secundario en 29 e os do de profesores de sectores singulares da FP en cinco especialidades.

As cinco especialidades con maior número de novos docentes no corpo de mestres son as de Educación Primaria (105), Pedagoxía Terapéutica (81), Educación Infantil (69), Lingua Estranxeira Inglés (38) e Audición e Linguaxe (35). No caso do corpo de profesores de Ensino Secundario, as especialidades con máis incorporacións son Inglés (78), Lingua e literatura galega (69), Lingua castelá e literatura (30), Xeografía e historia (29) e  Matemáticas (28).

No de profesores de sectores singulares da Formación Profesional, 11 persoas acadaron praza na especialidade de Cociña e pastelaría, outras 11 na de Mantemento de vehículos, sete na de Estética, cinco na de Soldadura e catro na de Fabricación e instalación de carpintería e moble.

O 70% das novas funcionarias en prácticas son mulleres, un total de 708, mentres que o 30% (304 persoas) son homes. Os máis novos son sete mestres nados en 2003, das especialidades de Pedagoxía Terapéutica (2), Francés (2), Audición e Linguaxe (1), Inglés (1) e Educación Infantil (1). A persoa de máis idade que acadou praza foi un docente de Ensino Secundario da especialidade de Organización e xestión comercial nado en 1967.

A incorporación destes profesionais ás aulas produciuse este 1 de setembro, aínda que todos eles coñecen o seu centro de destino desde que se publicou a desde a resolución do concurso de adxudicación de destinos provisionais a finais do pasado mes de xullo.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 03/09/2026