O conselleiro de Sanidade, acompañado da secretaria xeral técnica do seu departamento e do xerente da área sanitaria, visitou a Unidade de Condutas Adictivas de Noia

Gómez Caamaño avanza o reforzo da atención ás adiccións en Noia cun espazo no futuro centro de saúde e medidas específicas no novo Plan de Saúde Mental 2026-2030

O titular de Sanidade destaca que as 13 unidades municipais de atención ás drogodependencias de Galicia que, desde este ano xa forman parte da estrutura do Sergas, atenderon en 2025 a máis de 7.400 persoas

A unidade de condutas adictivas de Noia atendeu no pasado ano a 207 persoas, dando cobertura tamén aos municipios de Lousame, O Porto do Son, Outes, Muros e Carnota

Os orzamentos da Xunta de 2026 destinan máis de 4,8 M€ de financiamento das 13 unidades, que se complementan con outros 8 M€ para convenios con asociacións

O conselleiro incide en que o proceso de integración das unidades no Sergas seguirá presente no novo Plan de Saúde Mental de Galicia 2026-2030, que será presentado proximamente

Noia (A Coruña), 3 de setembro de 2026

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, avanzou hoxe o reforzo da atención ás adiccións en Noia cun espazo no futuro centro de saúde e medidas específicas no novo Plan de Saúde Mental 2026-2030.

O titular da carteira sanitaria, acompañado da secretaria xeral técnica do seu departamento, Natalia Lobato; do xerente da área sanitaria de Santiago e Barbanza, Ángel Facio; e da subdirectora xeral de Atención á Saúde Mental do Sergas, Almudena Díaz, visitou a Unidade de Condutas Adictivas de Noia.

O máximo responsable do Sergas dixo que este espazo propio no futuro centro de saúde desta localidade coruñesa será de 170 m2 construídos na planta baixa, con acceso independente e espazos específicos para a dispensación de metadona, administración, ademais de despacho de traballo social e consultas de psiquiatría e psicoloxía.

Na súa intervención no acto, Gómez Caamaño incidiu en que, desde xaneiro deste ano, as 13 unidades municipais de atención ás drogodependencias de Galicia forman parte da estrutura do Sergas. Estas unidades atenderon en 2025 máis de 7.400 persoas e para estas infraestruturas os orzamentos da Xunta deste ano destinan máis de 4,8 millóns de euros de financiamento directo.

Este compromiso da Xunta coa atención ás adiccións complétase con 8 millóns de euros destinados aos convenios con asociacións e entidades que traballan neste ámbito.

Actividade unidade de Noia

Respecto da unidade de condutas adictivas de Noia, o conselleiro sinalou que, no pasado ano, atendeu a 207 persoas, dando cobertura, ademais de ao concello de Noia, ao de Lousame, ao do Porto do Son, ao de Outes, ao de Muros e ao de Carnota.

Esta unidade conta cun equipo de catro profesionais formado por un médico-psiquiatra, unha psicóloga clínica, unha traballadora social e unha auxiliar de clínica, ás que o conselleiro agradeceu o seu labor de amplo alcance social.

Gómez Caamaño subliñou que a unidade de Noia leva a cabo unha atención integral que abrangue desde o tratamento das adiccións e a dispensación de metadona ata a patoloxía dual, a prevención, a redución do dano ou a incorporación social.

O proceso de integración das unidades no Sergas seguirá presente no novo Plan de Saúde Mental de Galicia 2026-2030, que o conselleiro dixo que será presentado proximamente, incorporando entre as súas liñas estratéxicas a atención aos trastornos adictivos.

O titular de Sanidade sinalou que o novo plan será unha importante folla de ruta dos próximos anos e posibilitará seguir a avanzar na prevención e detección precoz, na atención ás novas formas de adicción e nunha maior integración destes dispositivos coa rede de saúde mental.

Novo centro de saúde de Noia

Na súa intervención no acto, o conselleiro referiu que a Xunta prevé investir máis de 10 millóns de euros no novo centro de saúde de Noia. Será un edificio que duplicará a superficie do actual ao pasar dos 1.780 m2  a preto de 4.200.

O proxecto do futuro centro de saúde continúa a avanzar na súa tramitación coa previsión -proseguiu o conselleiro- de completar nos vindeiros meses a súa supervisión e aprobación, e así continuar cos trámites para a contratación e posterior inicio das obras.

Para concluír a súa intervención, Gómez Caamaño reiterou o seu agradecemento ao traballo dos profesionais desta unidade pola atención que prestan cada día aos pacientes e ás súas familias, e pola súa implicación neste proceso de integración no Sergas.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 03/09/2026