A Xunta e o Concello de Cerdedo Cotobade renovan o convenio para manter as dúas liñas de interese municipal que atenden o alumnado dos institutos da Xunqueira de Pontevedra
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, e o alcalde de Cerdedo Cotobade, Jorge Cubela, asinan o acordo que garante a continuidade dos servizos de interese municipal durante o próximo curso escolar
Unha das liñas ofrecerá de luns a venres un servizo de ida desde Dorna ás 07,25 horas e outro de volta desde Pontevedra ás 15,10 horas ata Tenorio
Os martes pola tarde operará unha liña que permitirá ás persoas usuarias desprazarse desde a parada de Ponte Bora (ITV) ata Carballedo, con saída ás 15,25 horas
Santiago de Compostela, 3 de setembro de 2026
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, e o alcalde do Concello de Cerdedo Cotobade, Jorge Cubela, veñen de asinar con representantes da UTE XG-835 un novo convenio co obxecto de renovar o servizo de interese municipal (SIMU) do municipio, o que permitirá manter durante o próximo curso escolar as dúas liñas de autobús que dan servizo ao alumnado do municipio que estuda nos institutos da Xunqueira, en Pontevedra. Ao acto da sinatura tamén asistiu a directora xeral de Mobilidade, Judit Fontela.
Este SIMU ten como finalidade principal dar resposta ás necesidades específicas do Concello de Cerdedo Cotobade, complementando a oferta da rede de transporte público de competencia autonómica e contribuíndo a reducir o uso do vehículo particular.
Unha das liñas ofrecerá de luns a venres un servizo de ida e outro de volta. Na ida, o servizo sairá ás 07,25 horas do lugar de Dorna e realizará as paradas da Vila de Abaixo (Santa María de Sacos), San Xurxo, Alonga (San Xurxo de Sacos), Cutián (marquesiña estrada xeral), Viascón, Tenorio (centros educativos), Calvelo (Tenorio), Ponte Bora (ITV), A Paloma e Avenida de Compostela (A Xunqueira).
Ao remate da xornada lectiva, o servizo de volta iniciará o seu percorrido ás 15,10 horas dende a Avenida de Compostela (A Xunqueira) e terá como destino a parada de Tenorio (centros educativos). Neste punto, as persoas usuarias poderán enlazar co transporte integrado do CEIP de Tenorio e do IES de Cotobade para completar as súas viaxes.
Os martes pola tarde operará unha liña con saída ás 15,25 horas desde a parada de Ponte Bora (ITV) e destino en Carballedo, que facilitará o regreso das persoas usuarias aos seus fogares. Este servizo realizará as paradas de Bora (O Valo), Bora (Quinteiro), Vilanova, A Xesteira (marquesiña), Borela (cruzamento), Pazos (marquesiña), As Lagoas (marquesiña), O Pozo Negro I, Carballedo (piscifactoría) e Carballedo (A Chan).
O Concello de Cerdedo Cotobade asumirá o financiamento do servizo, cun custo estimado máis de 20.500 euros ata a finalización da súa vixencia o 31 de decembro de 2027. Os servizos incluídos neste convenio benefícianse dos descontos e bonificacións impulsados pola Xunta para o conxunto do transporte público autonómico. Así, as persoas menores de 21 anos poden realizar ata 60 viaxes mensuais gratuítas coa Tarxeta Xente Nova, mentres que as maiores de 65 anos dispoñen de viaxes gratuítas a través da Tarifa +65.
A información actualizada sobre os servizos estará dispoñible para a súa consulta nos portais web www.bus.gal e www.mobt.xunta.gal.