Stellantis Vigo supera a barreira das 80.000 doazóns de sangue desde o inicio das campañas da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue

A factoría viguesa rexistrou un total de 492 doazóns de sangue durante a terceira visita anual das unidades móbiles da ADOS que tivo lugar os pasados 1, 2 e 3 de setembro

Desde o ano 1995, Stellantis Vigo facilita a participación dos traballadores e traballadoras no programa de captación de doazóns de sangue da Axencia, sendo a empresa española con maior participación

Santiago de Compostela, 4 de setembro de 2026

A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) quere agradecer o compromiso solidario da dirección e dos traballadores e traballadoras de Stellantis Vigo que esta semana superaron a barreira das 80.000 doazóns de sangue acumuladas desde o ano 1995, data do inicio das visitas das unidades móbiles da Axencia.

No transcurso da terceira visita anual das unidades móbiles da ADOS ata as instalacións de Stellantis Vigo, os pasados 1, 2 e 3 de setembro, rexistrouse unha cifra de 492 doazóns de sangue na terceira das catro campañas de doazón anuais que desenvolve nas instalacións de Stellantis Vigo. Ademais, salientar que o 4% das persoas (19 doantes) participaban por primeira vez.

Esta é a terceira visita das catro que a ADOS realizará este ano en Stellantis Vigo e a Axencia quere poñer en valor a contribución desta empresa viguesa que acumula 80.316 doazóns de sangue desde o 5 de xullo de 1995, data da primeira visita ata esta significativa factoría galega. ADOS quere amosar o seu sincero agradecemento a Stellantis Vigo, un dos principais centros de referencia do tecido industrial galego que, desde o inicio da súa andaina, ten amosado o seu compromiso coa sociedade galega e co solidario xesto da doazón, tanto de órganos como de sangue.

Traxectoria solidaria

Hai máis de tres décadas, Stellantis Vigo comezou a acoller campañas de doazón de sangue promovidas desde a Consellería de Sanidade e que, actualmente, consolidan a esta empresa como un referente a nivel estatal, sendo a empresa española con maior número de doazóns de sangue.

Salientar que, grazas á colaboración dos profesionais da empresa viguesa, que teñen doado ao longo destas tres décadas, puideron subministrarse compoñentes sanguíneos para realizar, por exemplo, máis de 40.150 intervencións cirúrxicas ou transfundir plaquetas a máis de 16.000 doentes oncolóxicos.

ADOS quere salientar a constante implicación e compromiso de Stellantis Vigo co desenvolvemento das campañas de doazón de sangue, así como agradecer a todos os traballadores e traballadoras que doan sangue a súa participación.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 04/09/2026