A Xunta impulsa o programa piloto Adestrar sen Pantallas para promover a actividade deportiva fronte á adicción aos dispositivos dixitais

O Centro Galego de Tecnificación Deportiva de Pontevedra convértese mañá no epicentro dun proxecto pioneiro que promove transformar aos adestradores en axentes de saúde

A iniciativa, que se desenvolve nos concellos da Estrada, Cambados, Ribeira e Vilagarcía de Arousa, ten como obxectivo chegar a máis de 500 rapaces da categoría infantil de clubs de baloncesto, balonmán, fútbol e ximnasia

Pontevedra, 4 de setembro de 2026

A Consellería de Sanidade e a Secretaría Xeral para o Deporte, en colaboración coa Fundación Galega contra o Narcotráfico (FGCN), impulsan a práctica deportiva fronte á adicción online co programa piloto Adestrar sen Pantallas / Safety-SPORT, co obxectivo de protexer a saúde mental e dixital dos menores de 12 e 13 anos.

Na xornada de mañá, sábado 5 de setembro, o Centro Galego de Tecnificación Deportiva (CGTD) de Pontevedra acollerá o lanzamento e a xornada formativa desta iniciativa piloto, que ofertará máis de 10 horas de formación de alto impacto para técnicos e adestradores de diversos deportes.

Deste xeito, Adestrar sen Pantallas, que botará a andar nos concellos da Estrada, Cambados, Ribeira e Vilagarcía de Arousa, ten como obxectivo chegar a máis de 500 rapaces da categoría infantil de clubes de baloncesto, balonmán, fútbol e ximnasia. 

Desde a perspectiva da saúde pública, a Xunta busca converter esta metodoloxía nunha referencia exportable ao Plan Nacional de loita contra os trastornos aditivos.

O proxecto conta cun deseño altamente profesionalizado, grazas á supervisión científica da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e da Universidad Internacional de La Rioja (UNIR). Así, o programa implántase baixo un modelo de execución estándar e replicable, apoiado en métricas estritas de eficacia e efectividade. 

Diversas actividades

O evento arrincará ás 9,30 horas no Centro Galego de Tecnificación Deportiva (CGTD) de Pontevedra coa participación de representantes do Goberno galego, o doutor Antonio Rial Boubeta (USC) e Manuel Couceiro Cachaldora, presidente da Fundación Galega contra o Narcotráfico.

A programación do sábado conta coa intervención do doutor Joaquín González Cabrera (Universidad Internacional de La Rioja) con talleres prácticos divididos en dous bloques clave: o 'Módulo Deportistas' e o 'Módulo Familias'. 

Pola súa banda, os psicólogos deportivos Abel Nogueira López (excoordinador de categorías inferiores do Racing de Santander) e Elkin A. Flórez Domínguez (director da Residencia do R.C. Deportivo da Coruña), pecharán a xornada cunha guía de dinámicas emocionais de alto rendemento humano para os adestradores.

Adestrar sen Pantallas céntrase no desenvolvemento de competencias emocionais e relacionais, nos riscos asociados ao uso abusivo de pantallas e nas estratexias para a promoción do benestar dixital. As actuacións previstas buscan instar ás familias e á comunidade a tomar conciencia e a fomentar a práctica deportiva e a actividade física como alternativa de ocio saudable e desenvolvemento integral, a través de persoas adestradoras formadas de xeito específico.

Data de actualización: 04/09/2026