O proxecto YAM da Xunta de Galicia, candidato a mellor iniciativa europea no ámbito da innovación social pola promoción da saúde mental en estudantes

Os días 7 e 8 terá lugar en Bruxelas o Foro de Innovación Social 2026, no que se presentará esta iniciativa ao resto de participantes

O programa fomenta o coidado da saúde mental entre o estudantado de 3º da ESO

Desde a súa posta en marcha, esta iniciativa cofinanciada pola Unión Europea xa contou coa participación de 16.500 escolares galegos en arredor de 170 centros

Santiago de Compostela, 4 de setembro de 2026

O proxecto YAM (Youth Aware of Mental Health), promovido pola Xunta de Galicia, foi nomeado candidato a mellor iniciativa europea pola promoción da saúde mental en estudantes, tras obter uns resultados sobresaíntes na avaliación de expertos e un forte apoio da votación pública.

Os días 7 e 8 terá lugar en Bruxelas o Foro de Innovación Social 2026 (SIF2026), organizado polo Centro Europeo de Competencia para a Innovación Social, no que se presentará esta iniciativa ao resto de participantes.

O proxecto YAM, que responde ás siglas en inglés de xuventude consciente da saúde mental, é un programa de promoción universal que invita a reflexionar sobre diferentes situacións e considerar diversos enfoques cando unha persoa se ten que enfrontar aos retos do día a día ou a problemas de benestar emocional. Nas súas sesións, o alumnado de 3º da ESO aprende e debate sobre saúde mental, cunha metodoloxía avaliada pola evidencia científica e deseñada polo Instituto Karolinska de Suecia.

O persoal instrutor YAM, pertencente ao Servizo Galego de Saúde e á Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, recibe unha formación intensiva por parte dun equipo da prestixiosa universidade sueca.

Así, e coa colaboración da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, está aberto un programa de voluntariado social para que estes profesionais estean apoiados na aula por un axudante denominado Helper, que recibe unha formación para saber manter nas clases un clima que permita o desenvolvemento do programa, facilitar a participación do alumnado e prestar atención ás reaccións dos estudantes para poder avisar á persoa instrutora se fose precisa unha atención individual.

Desde a súa posta en marcha, esta iniciativa cofinanciada pola Unión Europea no marco do programa FSE+ Galicia 2021-2027, xa contou coa participación de arredor de 16.500 escolares galegos, pertencentes a arredor de 170 centros educativos.

Data de actualización: 04/09/2026