María José Gómez salienta a diversidade do sector lácteo galego e reafirma a aposta pola innovación na xeración de valor engadido

A titular de Medio Rural visitou hoxe as instalacións de Lacto Baltar, que sinalou como todo un exemplo da versatilidade neste sector

A conselleira lembrou que Galicia é unha pioneira neste sentido, xa que transforma máis dun 75 % do leite na comunidade e produce o 42 % do total nacional

Sinalou que o doce de leite de Lacto Baltar é a única elaboración deste tipo na comunidade que conta coa certificación do Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia e co selo de Artesanía Alimentaria

Gómez fixo tamén referencia ás achegas para a transformación e comercialización de produtos agrarios, cuxa última convocatoria, dotada con 23 millóns de euros, vén de resolverse co financiamento de 36 novos proxectos

Chantada (Lugo), 5 de setembro de 2026

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, salientou hoxe a diversidade do sector lácteo galego e reafirmou o compromiso do Goberno autonómico pola innovación neste eido, especialmente no tocante á xeración de valor engadido. Fíxoo hoxe nunha visita a Lacto Baltar, no concello lucense de Chantada, entidade á que sinalou como todo un exemplo da versatilidade neste sector.

Durante o seu percorrido polas instalacións, incidiu na importancia de apostar pola transformación da materia prima producida na comunidade, co obxectivo de manter o valor engadido dentro das nosas fronteiras.

Lembrou tamén que Galicia é unha pioneira neste sentido, xa que transforma máis dun 75 % do leite que se produce na comunidade. Unha porcentaxe, explicou Gómez, acadada grazas ao traballo desenvolvido pola Xunta a través da Estratexia de Dinamización do Sector Lácteo (2020-2025) e ao labor de industrias como Lácteo Baltar, que é  que apostan pola innovación e a calidade diferenciada coa súa produción de doce de leite.

Gómez sinalou que se trata da única elaboración deste tipo na comunidade que conta coa certificación do Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica e co selo de Artesanía Alimentaria, o que reforza aínda máis a xeración de valor engadido e a diferenciación deste produto.

Neste sentido, puxo en valor de novo o traballo de empresas como Lacto Baltar, que contribúen a que a comunidade estea consolidada como unha rexión líder no sector leiteiro. Así, destacou que Galicia produce o 42 % do total do leite nacional e sitúase entre as principais rexións produtoras de Europa.

Transformación e comercialización de produtos agrarios

Gómez lembrou a aposta da Xunta pola xeración de valor engadido na comunidade, e fixo referencia ás achegas para a transformación e comercialización de produtos agrarios. A última convocatoria, dotada con 23 millóns de euros, vén de resolverse coa financiación de 36 novos proxectos. Seguindo esta liña, a Consellería do Medio Rural destinou na última década máis de 200 millóns de euros para financiar máis de 600 proxectos nesta materia.

Esta foi, ademais, a primeira ocasión que a partida contou con dúas liñas subvencionables. Unha dirixida aos investimentos con obxectivos ambientais e outra centrada no aumento de valor das producións agrarias.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 05/09/2026