Medio Rural promove a calidade diferenciada galega no marco da Tripla Coroa Illas Atlánticas
O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte, participa en Baiona na presentación desta competición, que arranca o vindeiro 12 de setembro
A Xunta colabora coa proba para achegar aos participantes a diversidade das producións agroalimentarias galegas amparadas polos selos de calidade diferenciada
Alemparte destaca a oportunidade de sumar ao desafío deportivo outro reto: descubrir ao longo dos tres anos da competición a calidade e diversidade das producións
Baiona (Pontevedra), 7 de setembro de 2026
O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte, participou hoxe na presentación da Tripla Coroa Illas Atlánticas, celebrada na praia da Ribeira, en Baiona. A Consellería do Medio Rural colabora nesta competición a través da promoción dos produtos agroalimentarios galegos amparados por selos de calidade diferenciada.
A primeira proba disputarase o vindeiro 12 de setembro cun percorrido de 15 quilómetros a nado entre as Illas Cíes e Baiona, dando inicio a un desafío que se desenvolverá durante tres anos polas rías de Vigo, Arousa e Pontevedra ata completar a Tripla Coroa.
Alemparte destacou a oportunidade de sumar a este desafío deportivo outro reto para os participantes: ir coñecendo e saboreando, ao longo dos tres anos, a diversidade das producións galegas de calidade diferenciada.
Neste sentido, lembrou que Galicia conta con 36 denominacións de orixe e indicacións xeográficas protexidas, ás que se suman a Agricultura Ecolóxica e a Artesanía Alimentaria. Nesta primeira edición estarán representados oito destes selos, abrindo así a oportunidade de incorporar novas producións nas seguintes etapas da Tripla Coroa.
O director da Axencia puxo tamén en valor a relación entre deporte, hábitos de vida saudables e alimentación de calidade, salientando as garantías que ofrecen estes distintivos. Así, explicou que as denominacións de orixe e indicacións xeográficas non certifican unicamente a procedencia dos alimentos, senón tamén o cumprimento dunhas condicións de produción ou elaboración e dunhas características específicas, sometidas a control e certificación, que os diferencian e singularizan.
Deste xeito, a colaboración permite unir deporte, alimentación, calidade e territorio, ao tempo que achega as producións galegas a novos públicos nun evento cunha importante capacidade de promoción.