Galicia aposta pola especialización tecnolóxica en ámbitos como o dos xemelgos dixitais para a xestión do territorio

O director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia inaugurou hoxe unha xornada coas CC.AA. que participan nun proxecto das Redes Territoriais de Especialización Tecnolóxica

Destacou a aposta da Xunta pola soberanía dixital de Galicia, a concentración de coñecemento e a capacidade de produción de solucións tecnolóxicas adaptadas ás necesidades do territorio

Santiago de Compostela, 8 de setembro de 2026

O director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Damián Rey, inaugurou hoxe a xornada O dato para a xestión do territorio. Xemelgos dixitais no sector público, no que participan representantes das Administracións e empresas de Galicia, A Rioxa e Navarra. Estas Comunidades participan no proxecto estatal das Redes de Especialización Tecnolóxica (ReTech) sobre Aceleración dos sistemas de emprendemento e innovación baseados en xemelgos dixitais.

Damián Rey lembrou que a especialización tecnolóxica constitúe o eixo transversal da Estratexia Dixital Galicia 2030 (EDG2030) e destacou que “as capacidades que nos ofrecen os xemelgos dixitais e a aposta pola concentración de coñecemento e capacidade de produción neste ámbito enlazan directamente e dan sentido á aposta estratéxica de Galicia”.

Neste sentido, referiuse á complexidade territorial de Galicia, cunha quinta parte do litoral español, un 10 % da superficie arborizada, o 17 % dos recursos hídricos, ou máis do 40 % das explotacións leiteiras, e salientou que “a tecnoloxía é a mellor oportunidade da nosa historia para afrontar e superar os principais desafíos de desenvolvemento mediante solucións adaptadas ás nosas necesidades específicas”.

O director da Amtega fixo un repaso por algúns dos proxectos que a Xunta ten en marcha para o uso dos datos na xestión do territorio, como a Plataforma Territorio Intelixente; a Rede Galega de Internet das Cousas (iCousas), a Plataforma de Mobilidade (MoBT), ou os xemelgos dixitais que están en desenvolvemento no marco deste Retech.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 08/09/2026